O BNG cuestiona a eficacia dos plans da Xunta para recortar o nivel de desemprego xuvenil

Montse Prado
Montse Prado

A portavoz en materia de emprego Montse Prado cuestionou a eficacia dos plans da Xunta para loitar contra o desemprego xuvenil e criticou a incapacidade do Goberno para facilitar datos concretos sobre os resultados obtidos coa aplicación dos sucesivos plans de emprego xuvenís, o último en vigor dotado con 9 millóns de euros.

“Supoño que non estarán ano tras ano gastando cartos sen saber cantos mozos e mozas están logrando unha inserción laboral, sen saber a eficacia destes recursos e que non se limitan a repartir axudas e fondos sen coñecer a súa repercusión”, argumento Prado durante o debate na Cámara.

A deputada fixo referencia a que, pese a estes plans, a taxa de ocupación entre a xente moza baixou dez puntos, mentres se dispara a precariedade, “porque no mellor dos casos o que temos é unha substitución de pais e nais polos fillos e fillas cobrando un salario moi inferior”. E iso, subliñou, “sen ter en conta os milleiros de mozas e mozas que non computan como parados en Galiza porque tiveron que emigrar, “porque nese caso as cifras xa serían dramática”.

Prado argumentou que é preciso un Goberno “audaz e con ambición” que teña claro o rumbo para aproveitar o potencial do país, “e vostedes parecen un polo sen cabeza” reprochou ao PP.

Cos datos da EPA do primeiro trimestre, das 323.900 mozas e mozos entre 16 e 29 anos, 118.900 (36,7%) están ocupados, 42.900 (13,2%) parados e os 162.200 (50,1%) restantes son inactivos. A taxa de actividade entre a mocidade sitúase no 49,9%, e ademais, cunha evolución negativa durante o último ano, xa que caeu en 2 puntos. Mentres, a taxa de paro xuvenil deste colectivo é moito máis elevada que a do conxunto da economía galega, xa que se sitúa no 26,5%.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG