PARLAMENTO GALEGO

BNG critica o veto do PP a que compareza Feixóo para dar conta das previsións da Xunta, ante o remate do estado de alarma

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil recriminou ao PP a proposta de substituír a sesión de control pola comparecencia do presidente. Para o BNG, afirmou,  “non estamos ante un intercambio de cromos” e  Feixóo “debe dar a cara” no Parlamento
BNG critica o veto do PP a que compareza Feixóo para dar conta das previsións da Xunta, ante o remate do estado de alarma

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou que na Xunta de portavoces, para elaborar a orde do día da vindeira sesión plenaria, o BNG solicitou incluír a comparecencia  do presidente da Xunta co fin de explicar  a evolución da pandemia, a campaña de vacinación e as medidas  da Xunta de Galiza cara a  desescalada e ante o remate da vixencia  do estado de alarma previsto para o 9 de maio.

Sobre a solicitude, a nacionalista explicou que  a proposta do PP  foi substituír  a sesión de control pola comparecencia de Feixóo, proposta que foi rexeitada polo BNG. Feixóo, recalcou Rodil  “debe responder ás preguntas de control, algo  compatible coa comparecencia si houbese vontade por parte do Presidente da Xunta. O PP non quixo que comparecera presidente e no seu lugar será o conselleiro de sanidade. Dende  o BNG insistimos en que debe ser o presidente o “que dea a cara”. A sesión de control e as comparecencias “non son  un intercambio de cromos”, recalcou

Por outra parte, engadiu que  a pregunta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón ao presidente  de Xunta estará centrada na crise industrial que a afecta gravemente a Galiza de Norte a Sur e de Leste a Este. Esta crise, dixo, non se produciu durante a pandemia e está a producir a perda de centos de postos de traballo e  ameaza de perda de emprego de miles de traballadores.

A mocidade vive unha “dupla crise”

O BNG interpelará ao goberno sobre a situación laboral da mocidade, unha xeración cunha “dupla crise”, a do 2008 e agora novamente golpeada pola crise da pandemia. A mocidade é un dos segmentos de poboación máis castigados polas consecuencias da CODIV19 e xa  partía de menos dereitos e peores condición laborais. Ese “cóctel de precariedade e pandemia” como reflicte a última EPA confirma que en Galiza temos máis traballadores e traballadoras de máis de 55 anos que de menos de 35. Rodil sumou a esta situación, a emigración padecida por Galiza dende hai décadas e as que urxe poñer freo.

A lingua galega será outro dos asuntos que levará a pleno cunha proposición  non de lei promovida  pola Mesa pola Normalización lingüística para crear unha canle “Xabarín 24hs” na TVG e impulsar os contidos xuvenís e infantís en galego nos medios públicos e plataformas.

Ademais, solicitamos, avanzou Rodil,  a comparecencia do conselleiro de Educación para dar conta a situación da lingua galega e ao fío dos últimos informes a este respecto, tanto o informe do Consello de Europa como o publicado pola RAG. O Partido popular, criticou Rodil, tamén “vetou esta comparecencia”. Aínda así, desde o BNG interpelaremos ao goberno galego  sobre esta cuestión.

O BNG pide á Xunta que impida o espolio dos bens  do Pazo de Meirás

Entre as propostas que serán debatidas á iniciativa do BNG,  figuran: unha pregunta oral en pleno   sobre as previsións da Xunta de Galiza a respecto dos bens que se atopan no Pazo de Meirás, despois  do auto ditado pola Audiencia Provincial da Coruña. A Xunta, afirmou Rodil,  debe  utilizar todos os instrumentos ao seu alcance para defender os intereses públicos da cidadanía fronte aos “herdeiros do ditador”. É urxente que o goberno galego incoe un expediente para incluír no BIC de Meirás todos os bens mobles que pola súa vinculación co “sitio histórico” deben formar unha unidade.

Finalmente, Rodil tamén fixo alusión á petición do  BNG  para iniciar o proceso de renovación do Consello de Administración da CRTVG, cuxo mandato caducou “hai catro meses”.
BNG critica o veto do PP a que compareza Feixóo para dar conta das previsións da Xunta, ante o remate do estado de alarma