O BNG critica o “dedazo” do PP en postos dentro do servizo de gardacostas

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado denuncia que o “principio de xerarquía” recollido no Decreto para o funcionamento do servizo obedece  a intereses do Partido popular e  da Consellería do Mar

A deputada do BNG, Montse Prado criticou hoxe, a través dunha pregunta na comisión de Pesca o modelo imposto polo decreto de ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galiza relacionado coa “libre designación” de diferentes cargos.

Para a parlamentaria o decreto evidencia o “ordeno e mando” e propicia o “dedazo” en contra da capacidade e mérito para optar as devanditas prazas así como o concurso ordinario ou oposición. Este decreto obedece a intereses do Partido popular e da Consellería do Mar, denunciou.

Vostedes, explicou,  botan man do decreto que establece  como principio básico das relacións funcionariais “o principio de xerarquía” e  non debemos  esquecer que estamos a falar do servizo de Gardacostas de Galiza  e este principio colide coa capacidade ou  mérito que debe primar  no organigrama do persoal e das súas función como a inspección onde xa existen normas  de autoridade e que deben de ser eles os que actúen en función do seu coñecemento e normativa e non en función do “principio de xerarquía ou do que lle ordene un  superior nomeado a dedo”.

Prado reiterou que a  Xunta asegurou que os nomeamentos  do subdirector xeral,  xefes de sección de control, vixilancia, técnica de reparación e  mantemento, xefatura de sección de seguridade marítima até os xefes de seguridade marítima foron  “a de dedo” para ser a xerarquía que exercerá as  ordes sobre o  resto do persoal. Son os que ordenan  o que  deben ou non deben facer.

Para a parlamentaria do BNG, resulta evidente que a Xunta  pretende co decreto “blindar as atribucións e  crear unha estrutura de mando ao servizo dos intereses marcados pola  consellería e o Partido popular. Un modelo dixo, que vai propiciar situacións como que o patrón da lancha que é funcionario por oposición  “en terra” contará con  competencias para obrigar  aos traballadores a levantar  actas  esgrimindo o  amparo  do decreto publicado no DOG.

Prado rexeitou este modelo por “antidemocrático” e porque consolida  o “principio de xerarquía” nunha administración na que debe primar sempre  a igualdade. Neste sentido referiuse ao acontecido  na confraría de percebeiras de Baiona onde foi levada a cabo unha actuación co levantamento de actas  nas que parte dos gardacostas negáronse mesmo a decomisar o percebe ao comprobar que non existía ningunha irregularidade pero polo “principio de xerarquía” foron presionados para sancionar con cantidades que sobrepasan os 4.000 euros.  Agora, engadiu Prado,  son os tribunais os que están a dirimir que ten ou  non ten razón e xa foron ditadas  sentenzas contrarias á  consellería coa obriga de  devolver as cantidades indebidamente cobradas por irregularidades inexistentes, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG