O BNG convoca concentracións polo aborto libre e gratuíto

"O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto", baixo este lema o BNG iniciou unha campaña nacional en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres que garantan a capacidade das mulleres de decidir sobre os seus corpos e o acceso gratuíto á interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública.

O BNG quere transmitirlle á cidadanía a necesidade de defender os dereitos que historicamente as mulleres conquistaron e a exixencia de que as mulleres que o así decidiren poidan realizalos en condicións dignas e cunhas garantías sanitarias óptimas. A proposta de reforma do PP, avalada e impulsada de xeito entusiasta pola Conferencia Episcopal responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria que ataca os dereitos das mulleres e nega o control das súas vidas e dos seus corpos. Existe tamén un forte compoñente económico que acompaña á idea de que as mulleres deben regresar aos papeis tradicionais de nais

e coidadoras, de tal maneira que se faga recaer nelas todos os servizos que o Estado deixa de prestar co desmantelamento dos servizos públicos.

Mobilizacións

Cómpre dar unha resposta contundente para evitar unha proposta que pretende levar a lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo aos supostos de despenalización de 1985. Por iso o BNG aposta pola mobilización na rúa, de maneira moi especial nas próximas semanas, para facermos fronte a unha planificación que quere que retrocedamos décadas no tempo.

Para dar resposta aos ataques do PP aos dereitos das mulleres e para defender a alternativa dun aborto libre e gratuíto na sanidade pública, o BNG fai un chamamento para saírmos á rúa, homes e mulleres, convencid@s da necesidade de nos rebelarmos contra as decisións que nos queren impoñer contra a nosa vontade.

Na segunda feira, día 27 de maio, haberá actos simbólicos do BNG nas seguintes localidades:

  • A Coruña – diante da delegación do goberno (Praza de Ourense) ás 20.30h
  • Vigo – diante da Colexiata ás 20.30h
  • Compostela - xardíns do Mosteiro de San Martiño Pinario ás 20.30h
  • Ourense – diante do CHOUO (Centro Hospitalario) ás 19.30h
  • Lugo – praza de Santa María (diante do Obispado) ás 20.00h
  • Cee – diante do Hospital ás 19.00h

O BNG forma parte da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (www.feminismo.eu) que ven de crearse na Galiza para dar unha resposta social a este novo ataque do Partido Popular. Nas próximas semanas o BNG estará presente en todas as mobilizacións que realice o movemento feminista para parar esta nova agresión contra os dereitos das mulleres. De maneira moi especial acompañaremos a mobilización nacional convocada pola plataforma para o próximo 16 de xuño

Traballo institucional

O pasado 15 de maio o Parlamento galego debateu unha proposición do BNG contraria á modificación da actual Lei 2/2003, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, unha lei moi mellorábel, sobre a que non se pode dar ningún paso atrás. Igualmente, o BNG presentará nos concellos mocións para instar á Xunta de Galiza a que solicite que non se modifique de xeito involutivo a lexislación actual e que garanta que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación. Solicitaremos tamén que, coincidindo con estas mobilizacións, os concellos penduren da bandeira galega que ondea no consistorio un lazo lila e realicen, dende as áreas de igualdade, campañas de información sobre a actual lei e os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

Documentos

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG