O BNG convoca concentracións nas sete cidades en protesta pola sentenza do Tribunal Supremo

O BNG convoca concentracións nas sete cidades en protesta pola sentenza do Tribunal Supremo

O BNG convoca concentracións nas sete grandes cidades de Galiza para este xoves 8 de novembro e insta ao conxunto da cidadanía a saír á rúa para mostrar o rexeitamento contra a decisión do Tribunal Supremo que, nun xiro esperpéntico, muda de criterio posicionándose a favor da banca e en contra das persoas, cargando sobre elas os gastos xurídicos de formalización da hipoteca.

A formación nacionalista aposta por unha mobilización masiva contra esta falcatruada xurídica se precedentes en contra da maioría social, que evidencia a baixa calidade democrática do Estado español e até que punto a xustiza está supeditada ao poder do capital, verdadeiro poder que xa nin se molesta en disimular a súa capacidade de torcer sentenzas xurídicas ao máis alto nivel.

Unha vez máis, a banca logra impoñer o seu criterio a costa dos millóns de persoas hipotecadas no que ben pode ser interpretado como unha nova modalidade de estafa aos usuarios e usuarias, logrando torcer unha sentenza xurídica que cualificaba de abusiva a cláusula da Lei hipotecaria que obriga á persoa que pide unha hipoteca asumir o imposto de actos xurídicos documentados.

O BNG lembra outras estafas bancarias recentes, como a das preferentes e subordinadas, que motivou unha mobilización social exemplar, contundente e constante por parte da sociedade galega, logrando a recuperación da maior parte do diñeiro estafado. Por iso, a formación nacionalista insta a responder na rúa con contundencia a decisión do Tribunal Supremo a favor da banca e en contra das persoas hipotecadas.

As concentracións terán lugar este xoves 8 de novembro nas sete grandes cidades galegas ás 20.00 no lugar que se determine en cada unha das urbes do país.

Concentración Tribunal Supremo