BNG constata na avaliación do plan de residuos 2010-2022 o “fracaso absoluto” do modelo de xestión de residuos da Xunta

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará propón un gran acordo de País para redefinir a estratexia de futuro dados os pésimos resultados do PP que sitúan a Galiza á cola en reciclado

O portavoz nacionalista de Medio Ambiente, Luís Bará, afirmou no Parlamento que a avaliación do Plan de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2022 confirma o “fracaso absoluto, estrepitoso e rotundo” do modelo de xestión de residuos da Xunta do PP, “o fracaso do modelo do sistema Sogama”.

Así llo dixo á directora xeral de Calidade Ambiental durante a súa comparecencia, a petición do BNG, na comisión de Medio Ambiente para informar sobre os resultados do plan que, segundo recalcou Bará, non cumpren “nin un só” dos seus obxectivos, polo que avogou por “parar máquinas” e establecer un foro no que participen forzas políticas, axentes implicados e conxunto da sociedade para “redefinir a estratexia para o futuro” nun ámbito de actuación “extraordinariamente complexo e con moitas implicacións económicas, ambientais e sociais”.  

O portavoz nacionalista de Medio Ambiente apelou a “este gran acordo de País” despois de repasar os principais incumprimentos recollidos no, segundo subliñou, “demoledor” informe de avaliación do plan realizado por unha consultora que, ao seu xuízo, constitúe “unha moción de censura” á política de residuos da Xunta.

Neste sentido, advertiu que o obxectivo de reciclado para 2020 situábase no 50% “e, sumando as plantas de Sogama, Nostián, Lousame e Barbanza, estamos no 21,7%, á cola do Estado”, onde a media é do 38%, con territorios como Cataluña, Euskadi ou Navarra, que se sitúan no 53,7%, o 42,3% e o 57,5%, respectivamente.

De igual xeito, tamén salientou os resultados “raquíticos e ridículos” da planta de Areosa, que entrou en funcionamento en 2021 -e non en 2017 como estaba anunciada- “coa previsión de que entraran alí 15.000 toneladas e están entrando menos de 1.000” e fixo especial fincapé no fracaso do modelo Sogama, planta onde das 827.000 toneladas de residuos tratadas, 758.000 seguen indo a fórmulas finalistas: incineración e vertedoiro.

Así as cousas, Bará amosou a preocupación do BNG polo anuncio realizado recentemente pola Xunta para crear, no marco dos fondos de recuperación Next Generation, o que definiu como “unha Sogama bis, a Sogama dos xurros”, en alusión ao proxecto para constituír en Cerceda unha nova planta de tratamento de xurros gandeiros, sobre o que ademais alertou que xa está circulando a idea de que podería mesturar xurros gandeiros con residuos municipais das distintas plantas de transferencia.

Para o deputado nacionalista, isto evidencia, por unha banda, que o sistema de plantas que temos non ten capacidade para tratar os residuos orgánicos e, por outra, que o Goberno do PP volve repetir “o erro de centralizar”, como fixo con Sogama, cando as especificidades do territorio galego exixen todo o contrario: “solucións de proximidade, non ter que recoller e trasladar biorresiduos, solucións como a autocompostaxe ou a compostaxe comunitaria”, apuntou.

Logo de recordar neste sentido que a propia Xunta recoñece que 160 concellos non teñen acceso a unha planta de compostaxe e tratamento, Bará concluíu a súa intervención recalcando que son precisamente os concellos que empregan este tipo de solucións, como Allariz ou algúns dos concellos do Plan Revitaliza, en Pontevedra, os que si están obtendo bos resultados, con porcentaxes que se sitúan arredor do 40%.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG