O BNG consigue que a conselleira de política social compareza para explicar a precariedade laboral e falta de persoal nas residencias de maiores

Montse Prado e CIG
Montse Prado e CIG
O BNG levou a  denuncia da CIG ao Parlamento, a través dunha proposición non de lei  ante o alto  número de centros afectados polo deterioro das condicións laborais
O BNG acadou hoxe un acordo unánime na Comisión de sanidade, a través dunha  proposición non de lei defendida pola deputada, Montse Prado, na que solicitaba a comparecencia da  conselleira de Política social, Fabiola García para explicar  da falta de persoal nas residencias de maiores dependentes da Xunta de Galiza.

A iniciativa do BNG  tamén reclamaba incrementar os cadros de persoal para adaptalos ás novas tipoloxías dos usuarios e usuarias, un compromiso da Xunta para incluír no orzamento do ano 2020 partidas precisas e recuperar o artigo 19 do V Convenio Único para o persoal laboral. Estes puntos da proposición non de lei nacionalista foron rexeitados polo grupo maioritario do Partido popular.

A parlamentaria do BNG, Montse Prado lembrou que a CIG formulou unha denuncia da precariedade nas condicións laborais nas Residencias de Maiores, unha circunstancia que a propia CIG cualificou  de “xeralizada”. Esta situación, recalcou Prado representa un importante  sobreesforzo para o persoal traballador.

Na súa intervención, a nacionalista salientou que  a Consellería de Política Social reflicte o maior índice de sinistralidade laboral a respecto doutros departamentos da Xunta  ao que sumou unha  importante porcentaxe de baixas por incapacidade laboral tamén superior a calquera departamento da Administración Autonómica.

Montse Prado explicou  que un gran número das baixas por incapacidade laboral están relacionas con  por enfermidades derivadas do  traballo de quendas, infeccións bacterianas e víricas así como trastornos musculoesqueléticos xa recoñecidos polas mutuas. Como exemplo explicou que  nalgunhas residencias teñen a día de hoxe o 20% do seu cadro de baixa, en moitos casos por accidentes laborais como resultado dos esforzos que realizan os traballadores e traballadoras en centros como  a Residencia de Maiores de Oleiros, as Residencias de Maiores de Volta do Castro e o Centro Residencial de persoas dependentes de Vigo.

A deputada do BNG afirmou que “o persoal laboral está ao límite” e por moito que se empeñe o Partido popular para agochar esta realidade con “toneladas de propaganda non pode ocultala”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG