O BNG consigue un acordo no Parlamento Galego para incluír a Galiza no plan do carbón

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas cualificou de “disparate” que Galiza, país especializado na produción de enerxía que xera beneficios multimillonarios, se vexa obrigada a un proceso de reconversión e empobrecemento pola falta dunha política de regulación industrial.

O BNG consigue un acordo no Parlamento Galego para incluír a Galiza no plan do carbón

O BNG acada un acordo na comisión de Industria para que o Parlamento galego inste  á Xunta de Galiza a cooperar cos municipios e axentes sociais implicados e dirixirse ao goberno central demandando: “ A inclusión de Galiza no ámbito xeográfico enunciado no artigo 4.1 do Real Decreto 675/2014, en condicións de igualdade de acceso para os recursos dispoñíbeis para as comarcas mineiras do Estado e  Incluír a Galiza en condicións de igualdade no novo acordo marco para unha transición xusta da minaría do carbón e o desenvolvemento sostíbel das comarcas mineiras para o período 2019-2027.

Na defensa da iniciativa nacionalista aprobada hoxe no Parlamento galego, a deputada Noa Presas, ademais de incluír a Galiza no coñecido como Plan do Carbón tamén reclamou “avaliar e subsanar as débedas históricas contraídas polos gobernos centrais anteriores, fundamentalmente con dúas comarcas galegas: As Pontes e Cerceda. Dúas comarcas, dixo, sobre as que “planea a incerteza e perda de capacidade económica”.

As térmicas galegas, explicou a nacionalista, funcionan con carbón importado. Esta é unha cuestión relevante, primeiro porque as consecuencias do peche da extracción non foron xustamente reparadas no seu día e, segundo, porque ten sido unha desculpa empregada polos gobernos centrais para “discriminar a Galiza ao excluír o noso territorio das políticas públicas presuntamente deseñadas para impulsar os territorios mineiros en reconversión”. Se ben as zonas de Meirama e As Pontes non extraen carbón hoxe, si podemos dicir que son comarcas carboeiras porque  aínda pagan as consecuencias do fin da explotación dos minerais (despedimentos, impacto natural, efectos  na saúde da poboación así como a  falta de adaptación a outras formas de produción Ademais,  sofren o impacto das Centrais Térmicas, independentemente de cal sexa a orixe da súa materia prima, sendo polo tanto unha discriminación respecto doutras partes do Estado.

“Mentres outras comunidades avanzaron e defenderon os intereses dos seus territorios e habitantes, a Xunta mostrou unha grande pasividade e mesmo o Partido popular votou en contra das iniciativas defendidas polo BNG para acadar un cambio que beneficiara a Galiza”, recalcou a deputada nacionalista.

AS PONTES E MEIRAMA

A deputada asegurou que a central das Pontes é unha central adaptada pero cun conflito e explicou que  despois de  máis dun ano de negociación sen acordo sobre o novo Convenio Marco do Grupo Endesa, iniciado en 2019, asistimos á perda do convenio de referencia, ao disolver a empresa a mesa de negociación a finais de decembro de 2018. Esta operación, “insólita”  obedece a unha estratexia calculada e premeditada por parte da empresa, “aproveitando o marco legal da reforma laboral”, para romper as condición pactadas con milleiros de traballadores e traballadoras, ben en activo, ben en situación de prexubilación ou xubilación.

Por outra parte, Alcoa e Meirama evidencian “o disparate” que se produce en Galiza, un  país especializado na produción de enerxía, que xera beneficios multimillonarios, pero abocado a un proceso de reconversión e empobrecemento pola falta dunha  política de regulación industrial.

Estas dúas comarcas e por extensión a súa contorna están nunha situación grave e cómpre activar todos os recursos posíbeis para a súa reindustrialización, concluíu a parlamentaria do BNG.

O BNG consigue un acordo no Parlamento Galego para incluír a Galiza no plan do carbón