O BNG considera que a reforma da PAC votada hoxe na Eurocámara prexudica gravemente ao sector agrario galego

Ana Miranda
Ana Miranda

Ana Miranda critica que o informe aprobado hoxe na Comisión de Agricultura favoreza a produción a gran escala

O BNG considera que a reforma da PAC votada hoxe na Eurocámara prexudica gravemente ao sector agrario galego

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda participou hoxe, como parte da delegación do Grupo Verdes-ALE, na votación do informe sobre a reforma da Política Agrícola Común (PAC), que finalmente resultou aprobado na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural. “O BNG non pode dar o seu apoio a un documento que esquece aos agricultores galegos e só atende aos grandes terratenentes”, destacou Ana Miranda sobre o documento, que se aprobará definitivamente na vindeira lexislatura despois da celebración dos trílogos entre a Comisión o Parlamento e o Consello.

A eurodeputada galega denuncia que o informe “só serve para perpetuar un modelo agrícola insostible, que fai desaparecer explotacións agrícolas no noso país e que non atende as súas necesidades”. Critica asemade que o novo documento non contemple a posta en marcha de medidas que respecten a biodiversidade e garantan a protección do medio ambiente, que beneficien a Galiza, pois o modelo de agricultura que se apoiou hoxe dende a Eurocámara provoca o avance do impacto do cambio climático.  

Por outro lado, segundo Ana Miranda, a reforma da PAC aprobada hoxe no beneficia a pequenos e medianos produtores, xa que gran parte dos fondos da PAC se destinan “ás grandes explotacións e a quen ten a terra sen traballala”. Esta distribución de fondos, ao seu xuízo, “perpetúa as desigualdades, producindo enormes desequilibrios e prexudican enormemente á agricultura galega”. 

Límite de axudas

Neste sentido, o BNG defendera que a PAC limite as axudas aos 60.000€, o denominado “capping”, que non resultou aprobado. “Non imos avalar que o 20% dos beneficiarios da PAC acumule o 89% das axudas porque iso nin crea emprego, nin asenta o territorio”, asegurou.

O Bloque subliña que a reforma da PAC debería servir para facer unha distribución dos fondos máis xusta e garantir uns ingresos dignos para os agricultores. “Lamentablemente vemos que isto non vai ser así e que os deputados do PP non teñen interese en defender aos pequenos produtores”, sinala Ana Miranda.