O BNG comprométese a “chegar até o final” para acadar o saneamento integral das rías galegas

Rolda delegación galega (Foto: Delmi Álvarez)
Rolda delegación galega (Foto: Delmi Álvarez)

A eurodeputada BNG anuncia novas iniciativas na Eurocámara relacionadas coa Directiva Marco da Auga

Tras a sesión da Comisión de Peticións de onte, que decidiu reabrir o informe sobre as rías do Burgo e Vigo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, anunciou a posta en marcha de novas iniciativas para acadar o seu saneamento integral. Asegurou, xunto aos representantes do Bloque en A Coruña, Vigo e Culleredo –Francisco Jorquera “chegar até o final” para que o saneamento das rías sexa unha realidade.

“Temos o compromiso de pedirlle ao Estado, á Xunta e as administracións locais que cumpran as recomendacións da Comisión Europea”, destacou Ana Miranda, quen avanzou que se dirixirá ao Comisario de Medio Ambiente para solicitarlle unha reunión na que facilitarlle información actualizada en tanto que a Comisión de Peticións recoñeceu onte que carecía dela.

A eurodeputada nacionalista adiantou tamén que no mes de marzo organizará en Bruxelas unhas xornadas de traballo que terán como telón de fondo a Directiva Marco da Auga, xornadas que se irán perfilando nas vindeiras semanas. “Un escano europeo ten que servir para defender os temas do país, e a calidade da auga é fundamental para Galiza”, remarcou.

Desde a Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, o seu presidente Serxio Reguera agradeceu a Ana Miranda poder volver á Eurocámara para tratar este tema. “Imos seguir insistindo en que as administracións sigan facendo investimentos para acadar o saneamento integral da ría, xa que non existe a separación das augas”, sinalou, ao tempo que apuntou que “se fixeran ben as cousas non estariamos aquí”.

Por parte da Confraría de Pescadores da Coruña, Felipe Canosa tamén agradeceu a Ana Miranda o “esforzo realizado para poder seguir expoñendo no Parlamento Europeo o problema da ría do Burgo”. Ao igual que Regueira ofreceuse a facer de guía pola ría para que “todos poidan ver o que está sucedendo”.

Valoracións desde A Coruña, Vigo e Culleredo

Desde o BNG da Coruña, Francisco Jorquera sinalou que o seu escepticismo a respecto do saneamento “quedou reforzado despois de ver como os grupos popular e socialista onte tentaron pechar en falso o informe, algo que non sucedeu grazas ao traballo dos peticionarios, o traballo de Ana Miranda e a sensibilidade da presidenta da Comisión”. “O BNG non vai para até ver a rexeneración da ría do Burgo”, engadiu Jorquera. Neste mesmo sentido interveu Avia Veira, quen recalcou que desde o Bloque “imos seguir insistindo porque vemos que o Estado español só se move a raíz das actuacións da Comisión de Peticións”.

Xabier Pérez, representante do BNG de Vigo, subliñou o traballo desenvolvido pola Plataforma en Defensa da Ría de Vigo “que onte permitiu acreditar que pese ao investimento de 200 millóns de euros na nova depuradora, na ría viguesa se seguen a verter augas non depuradas”, polo que esixiu que o goberno estatal complete o saneamento integral da ría.

“A boa noticia é que vir aquí resulta eficaz, porque deixa aberta a posibilidade de acadar o saneamento das rías galegas”, destacou o concelleiro do BNG de Culleredo, Antonio Chouciño, na súa intervención.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG