- A portavoz do grupo parlamentario, Ana Pontón anunciou que o BNG reclamará, nesta lexislatura, unha Comisión de estudo sobre o sistema de pensións e denunciou a intención do Partido popular de entregar a fondos privados o que denominou “unha conquista social dos traballadores e traballadoras”
O grupo parlamentaria do BNG e a Executiva da CIG mantiveron hoxe unha xuntanza para establecer novos canles de interlocución na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras e abordar a situación do actual sistema de pensións
O BNG reclama unha Comisión de Estudo do sistema de pensións
A portavoz do BNG, Ana Pontón anunciou que ante a realidade do sistema de pensións no conxunto do Estado español e o seu efecto en Galiza así como a posición do Partido popular e sectores económicos que cuestionan a súa viabilidade e buscan “entregar aos fondos de pensións privados o sistema de protección pública”, o BNG reclamará, nesta lexislatura, “unha comisión de estudo das pensións en Galiza” co fin de poñer sobre a mesa un diagnóstico da realidade e propostas de futuro. Neste sentido, apuntou que a rendas do capital deben gravarse con maior medida para garantir pensións dignas para os galegos e galegas, “de hoxe e tamén do futuro”.
A Comisión de estudo das pensión en Galiza, dixo Pontón debe estar integrada por deputados e deputadas, axentes sociais, forzas sindicais e patronal que aborde unha diagnose clara sobre a verdadeira situación das pensións e compensar as persoas pensionistas galegas “coas pensións máis baixas de todo Estado”.
Pontón tamén denunciou que o 95% de novos contratos son precarios e un 31% dos traballadores e traballadoras galegas “non chegan ao salario mínimo interprofesional” polo que cobran menos de 655 euros ao mes.
BNG e CIG reforzan a interlocución para trasladar ao Parlamento a problemática laboral galega
Pola súa parte, o Secretario xeral da CIG, Suso Seixo afirmou que a colaboración co BNG permite trasladar ao Parlamento toda a problemática laboral e social a través de debates que permiten que moita xente se vexa reflectida.
Sobre a preocupación amosada polo BNG no ámbito das pensións, Seixo afirmou que da precariedade laboral tamén se deriva a precariedade de dereitos laborais e na calidade de vida da xente nova que se incorpora ao mercado laboral así como nas pensións. Nun mercado laboral onde cada vez os salarios son máis precarios, explicou o responsable da CIG, con xornadas máis longas con horas sen cotizar “baleiras a caixa da Seguridade social” e se sumas as subvencións e contratacións que non van a cargo dos orzamentos do Estado pero son cargadas na SS “baleiras o fondo de reserva e pos en risco o futuro das pensións”.
Suso Seixo afirmou que só creando emprego de calidade é posible recuperar os recursos da Seguridade social e preguntou porque as pensións só poden manterse con recursos da S.S cando noutros países cóbrense a a partir dos propios orzamentos.
Finalmente, o Secretario xeral da CIG apelou a “unha política fiscal que grave as fortunas e rendas máis altas como garante do sistema público de pensións fronte a un sistema privado que especula en mercados financeiros”.