Galegas 2016

O BNG centra as medidas para os 100 primeiros días de goberno na creación de emprego e rescate dos servizos públicos

  • Pontón tilda a Feijóo de indocumentado ou demagogo por prometer un IVE reducido para os alimentos das persoas celíacas que o PP vetou no Parlamento e no Congreso
  • Reunión con expert@s para explicar un programa pensado para abrir un tempo novo desde o autogoberno real e a xestión total dos recursos propios

Presentación do programaA candidata nacionalista á Presidencia, Ana Pontón, presentou as medidas que o BNG quere aplicar nos primeiros cen días de goberno partindo da idea de que derrotar a Feijóo non para construír unha Galiza con emprego e benestar social.

“Queremos abrir un tempo novo con este programa de goberno para construír unha Galiza na que vivir e traballar con dignidade, e para iso non chega con cambiar o xerente da Xunta, derrotar a Feijóo é insuficiente se mantemos o mesmo traxe estreito que limita as nosas capacidades, no que se empeñan os candidatos do PP, PSOE e Marea”, argumentou Pontón.

Esas medidas de goberno de aplicación inmediata tras o 25S anunciadas pola portavoz nacional responden a tres prioridades: crear emprego, recuperar os servizos públicos e solventar situacións de emerxencia social.

En materia de emprego, posta en marcha inmediata do Plan Retorna para favorecer a volta ao país da mocidade emigrada, especialmente da máis formada, como os e as investigadoras, cunha liña específica para financiar a contratación de traballadores e traballadoras retornadas.

En materia de benestar social, plan de choque para rescate e mellora dos servizos públicos: redución de listas de espera, supresión dos repagamentos sanitarios, gratuidade dos libros de texto, incremento dos recursos humanos e materiais na sanidade e no ensino público.

En relación á loita contra a pobreza, garantías de subministro de servizos básicos, como a luz, e programas de vivenda que aseguren que ningunha persoa ou familia sexa desafiuzada sen ter alternativa.

Pontón explicou estas medidas tras unha xuntaza con expertos e expertas en diferentes áreas, co obxectivo de testar e enriquecer o programa electoral do Bloque, como Manuel González, audiovisual, María Reimóndez, feminismo e crítica literaria, Xosé Dios, sanidade, Alejandro Quiñoá, cooperación internacional, Cristina Domínguez, cultura, Alfredo Suárez Canal, medio rural, Carme García Negro, en pesca, Anxo Queiruga, integración social, Manolo Soto, medio ambiente, Ana Rúa, política comercial, entre outr@s.

Pontón deixou claro que o BNG está disposto a facer “cambios profundos” que pasan polo exercicio dun autogoberno real e a xestión do 100% dos recursos económicos do país, cun novo modelo de financiamento e unha facenda galega, “para xerar emprego e blindar os servizos públicos e sociais”. Para iso hai que superar o marco actual, dando carpetazo á dependencia de Madrid.

Presentación do programa electoralVetos do PP transformados en promesas

A candidata nacionalista lembroulle a Feijóo que a súa anunciada promesa electoral de aplicar un IVE do 4% aos produtos para as persoas celíacas podería ser xa unha realidade se o PP non tivese votado en contra desa proposta defendida polo BNG tanto no Congreso en 2014 como no Parlamento galego.

“Non sabemos se é un indocumentado e fai propostas que votou en contra ou se en campaña electoral quere facernos crer que vai facer xusto o contrario do que fixo estes anos de goberno”, criticou Pontón, lembrando “que foi precisamente a maioría absoluta do PP, aquí e en Madrid, a que impediu que as persoas celíacas paguen menos polos alimentos como defendeu o Bloque”.

Tras este encontro con expertos e expertas, o Bloque seguirá coa campaña de divulgación e explicación do seu programa electoral, “un proxecto de goberno deseñado desde a confianza neste país”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG