Galegas 2016

10 medidas para os primeiros 100 días de goberno

decalogo
decalogo
  1. Emprego: Plan Retorna para favorecer a volta ao país da mocidade emigrada, especialmente da máis formada, como os e as investigadores, cunha liña específica para financiar a contratación de traballadores e traballadoras retornados.
     
  2. Financiamento das empresas e emprendedores. Creación dunha banca pública galega que garanta a xestión do noso aforro e o crédito a familias e empresas. Como primeiro paso desta estratexia, creación dun Instituto Galego de Crédito e Investimento. Política de microcréditos a xuro cero para as persoas emprendedoras.
     
  3. Financiamento público: Demandar un modelo con plena capacidade fiscal que permita xestionar e recadar a totalidade dos impostos a través dunha Facenda galega. Obter, dese xeito, máis recursos e autonomía total para decidir como investilos coa prioridade de crear emprego, financiar os servizos públicos e o benestar social.
     
  4. Aposta pola innovación e o coñecemento. Duplicación dos fondos en I+D e xestión íntegra dos mesmos por Galiza, apostando pola biotecnoloxía, robótica, tecnoloxías de transformación alimentarias e da información.
     
  5. Plan de impulso industrial que contemple a identificación e o impulso a sectores estratéxicos (aeronáutica, agroindustria, naval, automoción) e que combata a deslocalización das actividades auxiliares da industria galega (automoción, téxtil). Irá acompañado da implantación da tarifa eléctrica galega. Xestión dos nosos recursos enerxéticos en beneficio das empresas e familias, impedindo a pobreza enerxética.
     
  6. Plan de choque para rescate e mellora dos servizos públicos: redución de listas de espera, supresión dos repagamentos sanitarios, gratuidade dos libros de texto, incremento dos recursos humanos e materiais na sanidade e no ensino público.
     
  7. Plan de emerxencia social para a Galiza co obxectivo de paliar a grave situación de pobreza para unha parte importante da poboación: garantías no cobramento de prestacións sociais e programas de vivenda efectivos que aseguren que ningunha persoa ou familia sexa desafiuzada da súa vivenda.
     
  8. Deseñar unha estrutura da administración galega baseada nas comarcas e concellos, coa asunción de competencias das Deputacións desde a Xunta para o seu pronto baleirado e facilitar a súa desaparición.
     
  9. Aposta clara por recuperar falantes de galego con políticas reais de normalización lingüística, apoio a cultura e á creatividade galega como instrumento de expresión e cohesión social e motor de dinamización económica. Elaboración dunha nova norma que elimine os límites impostos á lingua propia no ensino e impulse o emprego do galego en todos os niveis educativos.
     
  10. Igualdade: Lei de coeducación nos centros de ensino, e medidas efectivas para garantir a máxima de “igual traballo igual salario”, e “combate sen tregua” contra a violencia machista creando o Estatuto de Vítima do Feminicidio.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG