BNG centra o Debate do Estado na defensa dos intereses da Galiza e das clases populares

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego lamenta que o noso País estivese ausente do discurso de Pedro Sánchez e que non figure entre as prioridades do executivo estatal e demandaralle o cumprir os acordos asinados para rematar co “déficit histórico” que sofre o País en investimentos, especialmente en infraestruturas e servizos.

A frente nacionalista denuncia que os anuncios do presidente do Goberno español son medidas conxunturais e temporais e reclama ao Goberno “un xiro” para afrontar medidas estruturais para controlar a suba de prezos que está a provocar o empobrecemento das clases populares

O Bloque Nacionalista Galego lamenta a ausencia da Galiza entre as prioridades e preocupacións do Goberno do Estado após o discurso do Presidente e demanda medidas estruturais ante o anuncio de medidas conxunturais e temporais. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia que a organización nacionalista centrará este debate en dous eixos fundamentais: defender os intereses dos galegos e galegas -garantindo o cumprimento dos acordos e un maior investimento para o País- e medidas máis eficaces para controlar a suba de prezos que está a provocar o empobrecemento das clases populares galegas e do conxunto do Estado.

“Constatamos que a Galiza non estivo presente no discurso do Presidente do Goberno. Galiza está ausente das prioridades e preocupacións do Goberno do Estado” comeza a intervención o deputado nacionalista. Rego indica que, pola contra, “si que falou doutros territorios como Cataluña, Valencia, Madrid, Estremadura..., de proxectos industriais noutros territorios do Estado e de PERTEs que moverán importantes cantidades de diñeiro mais dos que o noso País se vai beneficiar pouco”.

En contraposición, o deputado nacionalista avanza cales serán os eixos fundamentais que defenderá a frente nacionalista nas súas propostas de resolución. Por unha banda, a defensa dos intereses dos galegos e galegas, reclamando que o Goberno cumpra os compromisos adquiridos coa Galiza. A destacar, as medidas aínda non executadas do Acordo de investidura, especialmente en relación aos investimentos en materia de infraestruturas -sobre todo ferroviarias- e servizos, medidas para reverter a grave crise industrial, a creación de tres xulgados de violencia de xénero, a resolución do problema dos emigrantes retornados con Facenda ou o rescate da concesión da AP-9 e a súa transferencia á Galiza.

Para a organización nacionalista é preciso rematar co “déficit histórico que sofre a Galiza” que, mesmo se agrava ao non se executar a totalidade dos orzamentos previstos. Exemplo disto son os Orzamentos de 2021 -xa os máis baixos en 17 anos-, que tan só foron executados en 67%, mentres en Madrid foron executados os 184% (case o duplo do orzamentado). “Reclamaremos, ao mesmo tempo, o fin do espolio eléctrico do noso País, a compensación pola condición de País produtor excedentario de enerxía eléctrica a través da Tarifa Eléctrica Galega” destaca.

Por outra parte, Rego sitúa “na boa dirección” algunhas das medidas anunciadas, como o imposto ás eléctricas ou ás entidades bancarias, “que Sánchez anuncia pola presión social crecente” mais expresa dúbidas en canto á súa concreción e formulación. O deputado nacionalista salienta que o BNG defendeu sempre un imposto ás grandes enerxéticas e á banca, mais entende que “debe ser permanente e non temporal, como anunciou o Goberno e sobre a totalidade dos lucros”. A fórmula “sobre os beneficios extraordinarios” é tremendamente ambigua. “Cales son os lucros “ordinarios” das enerxéticas? Os indecentes 6.500 M€ das tres grandes eléctricas de 2021? Os máis de 10.000 das enerxéticas do Ibex 35? Os 20.000 M€ da banca?” inquire Rego, que asegura que haberá que esperar a ver como se concreta.

En todo o caso, o deputado do BNG salienta que “estamos a falar de medidas conxunturais e temporais mais non de medidas estruturais que vaian ao fondo do problema: á modificación da regulación do sistema eléctrico, eliminando o mercado marxinalista; á creación de empresas públicas de enerxía, ou mesmo, con carácter urxente a pór un tope ao prezo da luz e dos combustíbeis aos usuarios finais á conta dos lucros das enerxéticas, única medida que pode resultar eficaz no curto prazo neste contexto”.

Da mesma maneira, o BNG demandará medidas “máis contundentes” para atallar a crise que sofren as clases populares. “O Goberno do Estado debe dar un xiro nas súas políticas: derrogar de verdade a Reforma Laboral do PP, abandonar os recortes nas pensións, derrogar a Lei Mordaza, rematar coa impunidade do franquismo ou renunciar a un aumento do gasto militar que só pode ir en detrimento das políticas sociais e de apoio á economía produtiva” enumera o deputado nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG