BNG celebra que a petición sobre o parque eólico das Salgueiras quede aberta na Eurocámara

Parque eólico As Salgueiras (Ponteceso)
Parque eólico As Salgueiras (Ponteceso)
Ana Miranda: “Agardamos que esta decisión serva para alertar en Europa de que Galiza non é unha colonia para o espolio das eólicas ”

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, traslada a satisfacción da formación nacionalista por que a petición sobre a instalación dun parque eólico no Monte das Salgueiras, -que afecta aos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica- quede aberta na Eurocámara. Esta decisión foi tomada co apoio dos Verdes-ALE, a través da eurodeputada Tatjana Zdanoka, e da coalición electoral da que forma parte o Bloque a través do eurodeputado Pernando Barrena. “As súas intervencións foron moi boas sobre a vulneración polo goberno do PP das diversas normativas comunitarias”, subliña Miranda.

Neste sentido, Ana Miranda especifica que o proxecto das Salgueiras vulnera varias directivas comunitarias como a de Hábitats e a de Participación Pública, entre outras, ao situarse nun espazo natural protexido moi próximo á Rede Natura 2000. Ademais, lembra que a contribución de Galiza á Rede Natura é unha das máis baixas non só do Estado español senón de toda a Unión Europea, só cun 11,74% de superficie protexida. Critica asemade que o goberno galego non ten dado ningún paso para ampliar a Rede Natura, en contra das recomendacións da Comisión Europea.

“Non pode ser que o desleixo do goberno galego na ampliación da Rede Natura serva de escusa para instalar parques eólicos sen control e que non cumpren as directrices comunitarias”, critica a portavoz do Bloque en Europa, quen apunta que na sesión da Comisión de Peticións celebrada hoxe na Eurocámara foron 4 os grupos parlamentares europeos quen defenderon manter aberta a petición sobre o proxecto das Salgueiras, -petición presentada por Roberto Martínez en nome da asociación Petón do Lobo-, fronte á postura defendida polo PP.

Descoñecemento da realidade

Precisamente, para Miranda, as manifestacións dos populares neste caso demostran o seu “absoluto descoñecemento do proxecto”, ao obviar a realidade de que xa comezaron as obras, que lamentablemente están afectando á Rede Natura e os seus espazos adxacentes, tal e como ten manifestado o propio BNG de Ponteceso en reiteradas ocasións.

“Agardamos que a decisión de manter aberta a petición serva para aumentar a protección da nosa terra e frear o espolio das eólicas”, salienta Miranda, quen explica que o BNG defende “unha enerxía limpa e renovábel que sexa respectuosa co medio, coa paisaxe e coas persoas”. “Seguiremos ao detalle esta petición e o resto das denuncias que se están presentando no Parlamento Europeo contra o espolio eólico e na defensa da nosa terra”, avanza a portavoz do Bloque en Europa.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG