GALEGAS 2020

O BNG asume o saneamento integral da Ría do Burgo como unha prioridade se ten responsabilidades de goberno na Xunta

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda e Mercedes Queixas participaron nun acto cos portavoces nacionalistas de A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros
O BNG asume o saneamento integral da Ría do Burgo como unha prioridade se ten responsabilidades de goberno na Xunta

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a candidata Mercedes Queixas subliñaron que o saneamento integral da Ría do Burgo é un prioridade se o Bloque ten responsabilidades de goberno tras o 12 de xullo que se enmarca na aposta clara pola protección do medio ambiente. “Hai case medio ano que a Comisión Europea dispón do 80% por cento de saneamento necesario para acometer o seu saneamento integral desta ría”, salientou Miranda, quen lembrou que eses fondos suman 36 millóns de euros dos 45 millóns totais da actuación.

“Terá que ser con Ana Pontón como presidenta da Xunta como se dea solución ao continuo desleixo de PP e PSOE, que habendo fondos europeos dispoñibles non foron quen de levar a cabo o saneamento tan necesario para esta ría”, manifestou Ana Miranda, quen lembrou que precisamente o BNG impulsou a visita de dúas delegacións internacionais de eurodeputados á ría do Burgo, no obxectivo de que as demandas dos colectivos veciñais e marisqueiros foran tidas en conta na Eurocámara.

Para a portavoz do Bloque en Europa “está demostrado que só alí onde o BNG ten responsabilidades de goberno se toman en serio os proxectos de rexeneración ambiental, que nesta comarca pode supoñer un forte impulso á recuperación da actividade marisqueira”. “Non podemos permitir máis retrasos, e se temos que volver levar os colectivos afectados a Bruxelas levarámolos”, asegurou durante o acto no que tamén tomaron a palabra os portavoces municipais do BNG dos concellos bañados por esta ría: Tono Chouciño de Culleredo, Dani Carballada de Cambre, Fran Rei de Oleiros e Francisco Jorquera da Coruña.

Consecuencias da contaminación

Na súa intervención, Mercedes Queixas, número tres da candidatura do BNG ao Parlamento galego pola Coruña, atribuíu o "inicio do camiño da recuperación" da Ría do Burgo á "mobilización social e popular" e tamén "ao traballo político do BNG, con especial destaque para o labor feito por parte da nosa representante no Parlamento europeo, Ana Miranda".

Por contra, a Xunta do PP, por desleixo e incompetencia, "daba por morta esta contorna", sen apenas mover un dedo nin contra a contaminación nin contra o furtivismo. "Nunca lles interesou nin protexer o medio ambiente nin pór o país a producir", denunciou Queixa, quen fixo mención ás graves consecuencias que ten a contaminación da ría na perda de postos de traballo, en tanto que hai anos O Burgo contaba con máis de 2.000 mariscadoras e mariscadores en activo, mentres que na actualizade son menos de cen persoas as que realizan as actividades extractivas.

“Que fará o goberno do BNG? Pois inserir a recuperación completa da Ría do Burgo como espazo natural e tamén como fonte de riqueza económica no marco dunha Axenda Urbana 2030 que ten entre outros propósitos desenvolver políticas sustentábeis dirixidas a combater o cambio climático. Termar do país, desenvolver as súas potencialidades ambientais e produtivas. Iso tamén é cambio galego. Esa é a alternativa que liderará Ana Pontón como a primeira presidenta nacionalista e feminista da historia deste país", concluíu Queixas.

O BNG asume o saneamento integral da Ría do Burgo como unha prioridade se ten responsabilidades de goberno na Xunta