BNG aposta por impulsar a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal para o desenvolvemento económico e científico

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará reclama un ferrocarril de alta velocidade entre A Coruña-Ferrol e Lisboa e a creación dunha sede galega na capital portuguesa

O BNG defendeu no Parlamento unha maior cooperación entre Galiza e Portugal baseada no impulso ao ferrocarril de alta velocidade Ferrol-Coruña-Lisboa, na cooperación económica e industrial e na creación dunha sede permanente de Galiza na capital portuguesa.

O deputado Luís Bará valorou a Eurorrexión entre Galiza e o Norte de Portugal como “unha oportunidade histórica e de futuro” en contrapeso aos intereses centralistas de Madrid xa que na acción exterior “Portugal mira para nós, demanda a nosa cooperación cunha interlocución directa”.

A  Eurorrexión representa suma un total de 6,5 millóns de habitantes, polo que “deben poñerse no centro os intereses galegos, e iso hai que trasladarllo ao Goberno español”. Un dos elementos centrais da aposta do BNG é a conexión mediante “un ferrocarril do século XXI, o tren é a columna vertebral deste proxecto”, explicou Bará, acción que debe ir acompañada “da modernización das comunicacións viarias”.

Na axenda pendente, lembrou o deputado do BNG, “está o impulso á Lei Paz Andrade, para o ensino, co fomento do portugués nas aulas, exemplo que seguiu Extremadura, que xa vai por diante de Galiza neste asunto”. Esta lei recolle tamén a creación dun Observatorio da Lusofonía.

No papel do noso País na acción exterior é esencial “a creación dunha delegación permanente de Galiza en Lisboa e dunha oficina de asesoramento ás empresas galegas para fomentar as relacións comerciais entre Portugal e os países lusófonos, como se recolle na Lei de Acción Exterior”, explicou o deputado nacionalista, xa que Galiza “é a primeira comunidade cliente de Portugal e a súa terceira provedora”. Neste sentido, propuxo a creación dunha Tarxeta de Cidadanía Transfronteiriza, iniciativa que xa conta con apoios institucionais e acordos parlamentarios.

Ademais, reclamou desenvolver a cooperación na investigación e no eido universitario, con proxectos científicos conxuntos e do rexistro de patentes, así como a cooperación en bioeconomía. O vindeiro cumio hispano luso na cidade miñota de Viana do Castelo, apuntou, “é unha boa oportunidade para poñer no centro da política exterior galega esta Estratexia Atlántica que propón o BNG”. Bará concluíu criticando a “falta da ambición” do PP coa súa negativa a esta proposta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG