O BNG apoia a manifestación nacional a prol do aborto legal, seguro e gratuíto do 28 de setembro

O BNG apoia e participará na manifestación nacional a favor do aborto legal, seguro e gratuíto que está convocada para o 28 de setembro pola Plataforma galega polo dereito ao aborto, que se celebrará na capital de Galiza na tarde do sábado partindo da estación de tren ás 17.30 horas.

A formación nacionalista expresa a súa total oposición a modificación lexislativa impulsada polo PP, avalada con entusiasmo pola Conferencia Episcopal, que substituiría á actual Lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, a coñecida como lei de prazos, similar á que existe na maior parte dos países do noso entorno.

O BNG entende que esta reforma responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria, que ataca os dereitos das mulleres e nega o control das súas vidas e dos seus corpos e implicaría un retroceso de 25 anos nos dereitos da muller.

Nestes sentido, xa puxo en marcha con anterioridade a esta manifestación unha campaña nacional en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres acadados historicamente, que garantan a capacidade das mulleres de decidir sobre os seus corpos. Considera fundamental que se garantan estes dereitos e esixir que as mulleres que libremente decidan abortar poidan facelo en condicións dignas e cunhas garantías sanitarias óptimas.

Igualmente, a formación nacionalista chama a atención sobre o forte compoñente económico que acompaña á idea de que as mulleres deben regresar aos papeis tradicionais de nais e coidadoras, de tal maneira que se faga recaer nelas todos os servizos que o Estado deixa de prestar co desmantelamento dos servizos públicos.

Propostas do Bloque

Ademais de presentar unha proposición no Parlamento galego contraria á modificación da actual Lei 2/2003, o BNG levará a cabo iniciativas tamén nos concellos co obxectivo de que non se dea nin un paso atrás a respecto desta norma.

Así, o Bloque presentará mocións nas entidades locais para instar á Xunta de Galiza a solicitar que non se modifique de xeito involutivo a lexislación actual e que garanta que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios. O obxectivo é garantir a igualdade no acceso a esta prestación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG