O BNG apoia folga das mulleres e propón unha Lei Igualdade Salarial para combater a discriminación

Rolda apoio folga de mulleres
Rolda apoio folga de mulleres

Pontón critica as “campañas paternalistas” porque as mulleres “non queren ser o máis grande de Galiza, senón ter igualdade salarial”

Apoio total á folga de mulleres convocada pola CIG para o 8 de marzo con paros laborais de dúas horas nos centros de traballo

O BNG apoia folga das mulleres e propón unha Lei Igualdade Salarial para combater a discriminación

O BNG traslada o seu total apoio á folga das mulleres do 8 de Marzo convocada a nivel internacional para denunciar ás discriminación laborais que soportan as traballadoras, empezando pola reivindicación básica de a igual traballo igual salario. “Acabar cos teitos de cristal e cos chans pegañentos”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación desta mobilización social coa secretaria da Muller da CIG, Marga Corral, e co resto das deputadas nacionalistas.

Ás portas desa gran mobilización social, - que se traducirá en paros de dúas horas por quendas de traballo e en manifestacións nas rúas-, Pontón avanzou unha serie de iniciativas que o Bloque presentará na Cámara para combater a discriminación ás mulleres, empezando polo ámbito laboral e tendo en conta que a lexislación actual “ou está obsoleta ou non está funcionando”.

Para empezar, o BNG propón consensuar unha Lei galega pola igualdade salarial que para poñer fin a unha realidade na que as mulleres perciben de media un 21% menos de salario que os homes por facer o mesmo traballo, incluíndo “medidas correctivas” nas empresas e nas administracións. A modo de exemplo, Pontón salientou que na propia Cámara galega a limpeza de cristais é desempeñada por homes e ten unha categoría salarial superior ao resto de traballos de limpeza que desempeñan as mulleres.

Igualmente, o BNG propón a creación dunha Valeduría da Igualdade, seguindo o modelo de institucións similares nos países nórdicos ou no País Vasco, “porque existe un déficit de vixilancia e de mecanismos para detectar a discriminación e combatela, un organismo destinado a combater calquera tipo de discriminación contra a muller, un elemento máis para acabar coas desigualdades”.

Pontón foi moi crítica coas “campañas paternalistas” que pretenden ensalzar á muller, pero que non fan máis que cousificala.

“A loita pola igualdade non se gana a base de hipocresía, mesmo con campañas paternalistas, porque as mulleres non queremos ser o máis grande de Galiza, o que queremos é ter igualdade salarial, dereitos de conciliación, poder vivir sen violencia, e que haxa recursos para conciliar a vida laboral e salarial”, argumentou, ao tempo que reclamou “un debate en serio sobre a situación das mulleres, do retroceso derivado da crise e como avanzar na igualdade real”.

No inmediato, o BNG levará ao vindeiro pleno unha iniciativa de apoio á folga de mulleres do 8 de marzo, como recoñecemento expreso da Cámara dunha situación de desigualdade, e a propia Pontón preguntará ao presidente da Xunta por este asunto na sesión de control ao xefe do Executivo.

A dirixente nacionalista considera que sobran motivos para secundar esa folga de mulleres, porque é preciso saír a rúa para defender a igualdade entre mulleres e homes  ou cuestións tan básicas como o dereito a vivir sen violencia:  “Sen iso non se pode falar dunha democracia real”. Pontón subliñou que a loita pola igualdade ten que estar en primeiro plano político, e mudar agravios tan prexudiciais para as mulleres como salarios e pensións máis baixas ou a falta de medidas efectivas para conciliar a familiar e a profesional, “porque a día de hoxe a maternidade é unha carreira de obstáculos”, denunciou.