O BNG anima a implantar o Plan Revitaliza para tratar os biorresiduos urbanos en todo o territorio galego

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará pide ao PP que cumpra a lei e abandone o modelo SOGAMA de incineración por “obsoleto, insostible e prexudicial para o medio ambiente”

O BNG anima a implantar o Plan Revitaliza para tratar os biorresiduos urbanos en todo o territorio galego

O  deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe unha proposición non de lei destinada a establecer a compostaxe como modelo universal para tratar  os biorresiduos urbanos no primeiro trimestre do ano 2019 e iniciar a colaboración coa Deputación de Pontevedra no “desenvolvemento do plan Revitaliza para a súa aplicación no resto do territorio galego”.

Durante a súa intervención, o parlamentario do BNG mantivo na tribuna  unha bolsa do Plan Revitaliza posto en marcha na provincia de Pontevedra  que contiña compost  e co  fin de animar ao grupo maioritario do Partido popular a votar favorablemente a iniciativa.

Pola súa parte o portavoz  do partido popular, Jacobo Moreira asegurou que SOGAMA  xa promove a compostaxe e propuxo ao BNG transaccionar o texto da proposición non de lei nacionalista para a súa votación que terá lugar na sesión plenaria de mañá.

O deputado do BNG replicou a Moreira  que é necesario camiñar cara outras   políticas medioambientais e o modelo SOGAMA “nin é sostible, nin rendible, nin aposta polo medio ambiente” e de seguir así, recalcou Bará,  “non acadaremos as cifras recomendadas pola Unión europea”.

Neste sentido insistiu en que a  compostaxe debe ser prioritaria no tratamento de biorresiduos e pediu ao Partido popular que cumpra a lei nos cambios normativos que se están a producir nos últimos tempos comezando, dixo,  “pola directiva europea de residuos”.

O deputado tamén advertiu que queda menos dun ano e medio da entrada en vigor da  lei  pola que os  residuos comerciais e domésticos destinados para reutilización e reciclado, incluídos os biorresiduos, deberán alcanzar como mínimo “un 50% de reciclado” ao que sumou a modificación da lei estatal no referido á “obriga do separado dos biorresiduos para destinalos a compostaxe e garantir que o tratamento de biorresiduos se realice a través de compostaxe doméstica e comunitaria ou en instalacións específicas” como xa  está a facer dende hai dous anos a Deputación provincial de Pontevedra e moitos concellos da provincial, incluso  “gobernados polo Partido popular”.

Bará criticou que a Xunta “non se modernice” e siga sen cumprir a lei. Están,  vostedes, manifestou “nun estado asilvestrado, botáronse a SOGAMA poñendo en marcha un móstroo que xa non ten  ningún sentido”. É un modelo que hai que parar, é “un sistema centralizado irracional sobre todo ante a dispersión da poboación galega e que ademais produce grandes custes económicos, sociais e medioambientais”. SOGAMA, explicou, supón a recollida dos biorresiduos por todo o país para logo queimalos beneficiando exclusivamente a Gas Natural e a Fenosa.

Bará reivindicou o modelo  Revitaliza da Deputación de Pontevedra do que dixo, é un “modelo de modernidade e respecto polo medio ambiente”. Unha compostaxe de máxima calidade domiciliaria, comunitaria e en planta. É “un proxecto novidoso que esperta interese no Estado e Europa” polos seus beneficios.

Finalmente, o deputado do BNG fixo un chamamento ao Partido popular a “non sabotear” este modelo e votar favorablemente ao seu desenvolvemento e implantación en todo o territorio galego.