O BNG amosa o seu apoio ao candidato, Carlos Babío demandado pola familia Franco

Mini, Carlos Babío e Mercedes Queixas
Mini, Carlos Babío e Mercedes Queixas

Rivas cualifica a denuncia de “vinganza mesquiña”  da familia do ditador

Mercedes Queixas destaca o traballo rigoroso de investigación do nacionalista e pide  “luz” para reparar ás  vítimas da ditadura

O BNG amosa o seu apoio ao candidato, Carlos Babío demandado pola familia Franco

O candidato do BNG, Xosé Luís Rivas e a candidata nº 3 por A Coruña, Mercedes Queixas amosaron hoxe o seu apoio e o do BNG, ao historiador  Carlos Babío demandado novamente pola familia Franco por afirmar nun medio de comunicación que nunha ditadura hai “abusos e corrupción” como o aconteceu co roubo do  Pazo de Meirás pola familia do ditador.

Vinganza mesquiña da Familia Franco

O candidato do BNG por A Coruña, Xosé Luís Rivas tildou a denuncia de “vinganza mesquiña” da familia Franco contra un investigador  que leva anos loitando pola recuperación da memoria histórica. A familia Franco, afirmou, é “herdeira dun ditador asasino” e  que o Réxime do 78 amparou. Para o nacionalista, Carlos Babío representa a esperanza e a reivindicación dun “pobo en silencio” aportando  documentos e probas.

“O Pazo de Meirás foi roubado, foi un botín de guerra e un regalo ao ditador”, afirmou Rivas.

Na mesma liña que Rivas, a candidata nº 3, Mercedes Queixas asegurou que a demanda resulta  “improcedente e abusiva nun estado democrático”. A nova demanda da Familia Franco contra Carlos Babío, dixo,  abre un procedemento xudicial “sen razón”. Babío é un investigador galego que ao longo dos anos leva demostrada unha grande rigorosidade no seu traballo como constata a súa obra vinculada a Sada, a súa contorna e tamén a toda Galiza.

A candidata do BNG  destacou que a obra de Babío describe un tempo negro que debe deixar traspasar a luz para reparar ás vítimas da ditadura. A día de hoxe, as vítimas aínda teñen que demostrar que son vítimas, “algo inxustificable” e agora é Carlos Babío o que ten que desprazarse a Madrid para xustificar o seu traballo porque o “manto da democracia continua acubillando medo, persecución e persecución ”. Esta demanda  é unha mostra da vulnerabilidade de calquera de nós que traballemos pola xustiza, a verdade e a reparación da memoria histórica diante dos que sempre se consideraron con poder.

Nova demanda a un loitador pola memoria histórica

Pola súa parte, Carlos Babío, explicou  que non é a primeira vez que recibe unha demanda da familia do ditador pola súa actividade a prol da reparación, recuperación da memoria histórica e  loita pola devolución do Pazo de Meirás. Nesta ocasión, dixo a demanda está relacionada coa miña participación no programa “Punto de Mira” de Mediaset. En vinte días, engadiu, debo responder á demanda para posteriormente ser xulgado por  delitos, segundo a familia Franco, “por derechos al honor, a la intimidad personal y a la propia imagen”, aludindo ao honor de Francisco Franco e,  introducir a idea de que o “pazo foi roubado” para deshonrar aos demandantes.

Babío lembrou que nas súas declaracións sempre se referiu a sucesos históricos ocorridos  durante o ano 1938, “os abusos cometidos por un réxime e a persoa que o encarnaba”, por outra parte, tamén aluden que nos programas de televisión utilizou termos de “apropiación do Pazo de Meirás” e o pagamento de fondos públicos na operación entre o ano 1938 e 1941, proceso no que o Pazo pasa a ser propiedade de Francisco Franco Bahamonde.

Babío afirmou que o ditador tomou terras colindantes a través de abusos e privando do seu medio de vida de 60 persoas arrendadas nesas terras. Por dicir este tipo de cousas, dixo o demandado,  a familia Franco asegura que atentou contra “os seus dereitos fundamentais”. Por outra parte os Franco engaden que as afirmacións de Babío  poñen en risco a venda do Pazo por transmitir que existen problemas co título de propiedade.

O autor do libro, “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio ”  avanzou que continuará defendendo a memoria e dignidade  colectiva e reclamando a devolución dos bens espoliados durante o franquismo.

Os traballos da Deputación da Coruña, da Real Academia galega, Asociación pola recuperación da memoria histórica  e entidades de todo tipo ao que sumou a comisión de expertos emanada do Parlamento galego confirman “a unanimidade para que o Estado asuma a devolución do Pazo de Meirás”, concluíu.

 

O BNG amosa o seu apoio ao candidato, Carlos Babío demandado pola familia Franco