O BNG alerta de eivas no novo concurso do servizo de ambulancias

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado denunciou a contratación “arbitraria” do Servizo do 061 con empresas que incumpren a lei en materia laboral, prestación do servizo e persoal sen titulación requirida
O BNG alerta de eivas no novo concurso do servizo de ambulancias

Ante as novas adxudicacións a empresas de transporte sanitario terrestre, a deputada do BNG, Montse Prado asegurou que foron detectadas diversas irregularidades e deficiencias na prestación do servizo  que xa foron denunciadas ante a Xunta e diversos organismos polo colectivo de técnicos de emerxencias sanitarias de Vigo, “sen que a administración tomara algún tipo de medidas para corrixilas”.

Prado lembrou que o BNG presentou diversas iniciativas parlamentarias  para modificar o concurso das empresas de ambulancias beneficiarias  porque a pesar do incremento dalgunhas dotación foi reducido o persoal. “Non é positivo iniciar o novo concurso sen corrixir as eivas detectadas”, afirmou Prado que reclamou “unha inspección ás empresas beneficiarias co fin de constatar que cumpren as condicións requiridas e en caso contrario aplicar a sanción pertinente”.

Por outra parte, asegurou que  a Xunta suple a escaseza de ambulancias coa contratación de empresas “coñecidas por cometer numerosas irregularidades” e que “raian a ilegalidade” como acontece con empresas contratadas polo 061 sobre as que non existe “ningún tipo de control”. Estas empresas, engadiu Prado, incumpren a lei en materia laboral, prestación do servizo e persoal sen a titulación requirida.

A nacionalista denunciou que as ambulancias están a realizar transporte urxente, mesmo compartindo doentes  cando en realidade, foron contratadas para transporte ordinario de consultas. A deputada reiterou que prestan o servizo ambulancias sen  dotación suficiente e con unha ou un só condutor, son enviadas a atender as emerxencias, ante a falta de ambulancias as persoas usuarias deben acudir ás consultas en taxi, as ambulancias de apoio son utilizadas  para realizar outros servizos, o que ao seu xuízo, representa “un grave risco para os usuarios e persoal”.

Ademais da área de Vigo, Prado manifestou que a situación repítese   nas Áreas da Coruña e Ferrol co traslado de tres doentes a vez  nas Uvis Móbiles, non hai condutor asignado para os servizos intercentros así como carencias nos materias e  incumprimento do prego no que atinxe a vehículos e persoal.

Os técnicos sanitarios da CIG presentaron ate 50 denuncias ante Xunta, a consellería de Sanidade, Inspección de Transporte, concellos e Atención de servizos sanitarios polo que o Partido popular “non pode seguir negando esta realidade nin dicir que a descoñece”.

Tras a intervención do portavoz popular, a deputada Montse Prado lamentou que unha vez máis, o Partido popular amose  falta de sensibilidade ante a atención sanitaria e acusou ao PP de falta de vontade política ao que sumou “conivencia da Xunta coas empresas beneficiarias do concurso de ambulancias”.