BNG alerta do retroceso do uso do galego no ámbito familiar, laboral e social

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas denuncia que tras 13 anos de política lingüística do PP  “os nenos e nenas falan menos galego, menos inglés e máis castelán”

Anuncia  a presentación  dun “Plan de Igualdade Lingüística” no ensino e un Pacto social polo Galego

A portavoz de Lingua do BNG, Mercedes Queixas amosou a preocupación do BNG ante os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística relativos ao uso do galego.

A parlamentaria alertou do retroceso do uso do galego no ámbito familiar, laboral e social “cedéndolle paso ao castelán” e anunciou que o BNG presentará no vindeiro curso político, “un Plan de Igualdade Lingüística no ensino” acompañado por un Pacto social polo Galego co fin de reverter a actual situación. Tras  13 anos de política lingüística do Partido popular “os nenos e nenas falan menos galego, menos inglés e máis castelán”, denuncio.

Para a deputada, a publicación dos datos do Censo 2021 do INE ofrecen unha “radiografía do presente e  futuro da lingua galega atendendo ao seu coñecemento e uso”. Neste sentido, sinalou que por primeira vez, o  “28,2% dos menores de 20 anos recoñece que non falan  nada en galego ou con moita dificultade” , o  32,8%  menores de 20 anos recoñecen non ser quen de escribir en galego ou de facelo con dificultade, só o 35% dos mozos e mozas menores de 20 anos empregan o galego coas súas familias e só “o 16% de menores de 20 anos tiveron o galego como lingua inicial”.

A xuízo da deputada, os datos do ano 2021 empeoran  os de  2019  e consolidan  “o avance acelerado da substitución lingüística do galego polo castelán.” Estamos, reiterou Queixas “ante unha lingua que vai a menos como lingua de transmisión interxeracional, como lingua inicial e como lingua viva en todos os usos”.  Unha realidade, explicou da que xa recibimos alertas dende diferentes entidades como a RAG, as Universidades, a Mesa pola Normalización Lingüística, ANPAS, comunidade educativa e organizacións sindicais ás  que sumou os informes  do Consello de Europa instando ao goberno a eliminar “as limitacións ao galego” na Xustiza ou a través da “prohibición de impartir en galego materias do ámbito científico como matemáticas, tecnoloxía e física e química, que si poden ser impartidas en inglés”.

Decreto do plurilingüismo do PP contra o galego

A nacionalista salientou  que o  TSXG anulou parte   do articulado do “Decreto do plurilingüismo”, un Decreto contra o galego que reducía a súa aprendizaxe eliminando horas de docencia.

Por outra parte, engadiu  que os recentes estudos da RAG demostran como “a escola galega desgaleguiza” e non garante a aprendizaxe como acontece con crianzas que usan o galego como lingua inicial e ao volver a casa utilizan de maneira habitual o castelán. O “timo do plurilingüismo” conseguiu que os nenos e nenas “falen menos galego, menos inglés e máis castelán”, recalcou a nacionalista.

Para reverter o retroceso do galego é preciso que  a sociedade  “non se resigne” e dende o BNG,afirmou, queremos  acompañar a unha “Galiza maioritaria empoderada na súa lingua” e como marca de identidade.

“Fronte ao desleixo negacionista do PP”, dende o  BNG acreditamos  nunha mudanza comprometida na política lingüística que teña por obxectivo a recuperación de falantes e a restitución de usos para o galego.

Finalmente, a deputada do BNG lembrou que no ano 23 cumpriranse 40 anos da aprobación da Lei de normalización lingüística e novos tempos, dixo  “precisan novas normas”. Nesta liña apostou por unha revisión da Lei ante diferentes  escenarios como a incorporación de novos lugares de lecer, as redes sociais, intelixencia artificial e tecnoloxías da comunicación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG