Parlamento Galego

O BNG agarda superar o “veto constante do PP” na comisión de investigación das caixas de aforros no Parlamento galego

Noa Presas
Noa Presas
A deputada Noa Presas lembra que o pasado 29 de setembro o BNG rexistrou unha nova petición de investigación parlamentar

A deputada do BNG Noa Presas, diante da existencia dun auto da Audiencia Nacional sobre a antiga Caixa Galicia e a consecuencia da fusión das caixas de aforros, insistiu na necesidade de reabrir a comisión de investigación no Parlamento galego.

“Desde o BNG vemos que canto máis tempo pasa e máis novas saen, faise máis evidente que aquí investiga todo o mundo o que aconteceu cun instrumento fundamental para a economía galega, como son as caixas de aforros, menos o Parlamento galego e iso é así polo veto constante do Partido Popular nas lexislaturas anteriores”, sinalou a deputada.

Deste xeito, o BNG considera “que non é admisíbel” este veto e “por terceira vez imos intentar que esa comisión se reabra e se peche con conclusións”. “A ver se á terceira vai a vencida e superamos ese veto constante do PP”, engadiu Noa Presas.

Lembrou que o pasado 29 de setembro o BNG rexistrou unha solicitude que será debatida en Pleno dentro de 15 días “porque cada vez hai máis indicios de novos movementos nas estruturas financeiras e bancarias e non pode ser que Galiza non teña avaliado o acontecido no pasado para tamén poder tomar as súas decisión de cara ao futuro”, explicou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG