BNG advirte á Xunta que se non toma xa medidas estruturais, a grave situación da Atención Primaria manterase logo da pandemia

Montse Prado
Montse Prado

Montserrat Prado recrimina ao Goberno galego que non asuma as súas competencias e siga botando balóns fóra cando ten e pode achegar solucións

Acusa ao PP de “voadura programada” da sanidade pública en beneficio da privada e rétao a analizar o aumento en Galiza dos seguros privados de saúde

BNG advertiu no Parlamento galego que a necesidade de fortalecemento da Atención Primaria non permite máis demoras e que se non se acometen xa medidas estruturais, os problemas manteranse e mesmo aumentarán. Así o advertiu a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, ao Executivo de Núñez Feixóo, logo da comparecencia do titular de Sanidade no Parlamento galego para explicar o impacto da pandemia sobre o primeiro nivel asistencial.

“Vén vostede tarde a este Parlamento, a repetir as mesmas medidas, sen achegar nada novo, cando a tensión do sistema sanitario está nunhas cotas nunca antes imaxinadas pese a que vostede veña a dicir aquí que estamos dentro da normalidade”, recriminou ao conselleiro, ao que recordou que “levamos semanas na foto fixa dunha Atención Primaria colapsada, con cadros de persoal diezmados e raquíticos para atender as necesidades sanitarias da poboación e despois de levar á desesperación á cidadanía, á que derivan vostedes toda a responsabilidade obrigándoa á autoxestión sanitaria: autocitas, autotest, autodiagnósticos, autocoidados, autopagos”.

Logo de criticar que este tipo de decisións deixan “excluídas e tiradas” ás persoas máis vulnerables, Prado acusou ao Goberno galego de practicar durante anos “políticas neoliberais e economicistas” tamén na sanidade e que a levou á grave situación na que se atopa. “Estamos ante unha voadura programada, un proxecto calculado de menos sanidade pública para poder engordar a sanidade privada”, asegurou con severidade, para a continuación retar ao titular de Sanidade a “facer un estudo sobre canto aumentaron os seguros privados de saúde desde que vostedes gobernan: cantas persoas acoden á sanidade privada porque non teñen resposta na sanidade pública e canto se incrementaron os recursos que van á privada dende a Administración ou directamente dende os petos de todas as galegas e galegos”.

Para a deputada nacionalista, só así se entende que dous anos despois do inicio da pandemia “esteamos enfrontando a sexta onda cunha flagrante falta de medios, organización e planificación” e, neste sentido, advertiu da falta de profesionais, con persoal completamente exhausto, da descoordinación entre a central de seguimento de casos e os centros de saúde, teléfono de notificacións de persoas positivas colapsado permanentemente e con pautas e protocolos “cambiando cada media hora” que mergullan na confusión tanto a cidadanía como a profesionais.

Prado pediu explicacións sobre as medidas tomadas encamiñadas ao “contaxio colectivo”, entre as que citou a retirada de corentenas de contactos estreitos, a redución de corentenas de positivos sen síntomas, a eliminación dos rastrexos e seguimentos de positivos e contactos ou deixar este labor en mans dunha empresa que ten “en precario” ao persoal, pagándolles menos de sete euros a hora. “A pregunta é: estas medidas son para evitar que a xente se infecte ou para evitar que deixe de ir a traballar?”, cuestionou.

Cadros de persoal mermados e en precario e colapso nos centros de saúde

Nesta liña, insistiu en que a Atención Primaria se atopa “na UCI, ao bordo do precipicio” e esta situación non  se soluciona poñendo parches, senón con medidas de carácter estrutural, que “a Xunta pode e debe realizar” e das que leva desentendéndose dende hai moito tempo. Así, reprochou ao Goberno do PP que non escoitara as denuncias que o BNG leva anos facendo sobre a grave situación á que se dirixía o sistema sanitario galego e, neste sentido, exemplificou con algúns datos: entre 2012 e 2017 (ano no que o Executivo deixou de facilitar datos oficiais) xubiláronse 331 médicxs de Atención Primaria, dxs que só se repuxeron 221; a previsión é que nos vindeiros catro anos se xubilen 400 facultativxs de familia, sen que haxa ningunha garantía de relevo; Galiza está á cola de todo o Estado en investimento (“cuarta pola cola”, recalcou), con tan só o 12% do orzamento, 2,2 puntos menos que a media estatal e moi lonxe do 25% que aconsellan todos os estudos.

“Habería que destinar 262 millóns máis só para estar na media estatal”, subliñou, para engadir a continuación que, fronte a isto, o orzamento do Goberno do PP para este 2022 “aínda é 2 millóns máis baixo que en 2021 e 47 millóns que en 2009”. “A quen lle botan a culpa de non investir na Atención Primaria?”, inquiriu con severidade. 

A portavoz nacionalista de Sanidade repasou a “política de maltrato” do persoal sanitario (con exemplos de ata 53 contratos en 3 meses a unha mesma persoa, con 46 deles dun día e o resto de 2 e 3 días: “estrañarase de que as e os profesionais non queiran traballar en condicións coma estas”, censurou); a situación “insostible” de moitos centros de saúde (que exemplificou coa redución de profesionais en distintos consultorios do País), a saturación dos PACs (pola falta de atención nos centros de saúde) e a diminución en servizos fundamentais como pediatría, saúde mental ou ambulancias.

Así pois, Prado urxiu ao Goberno de Núñez Feixóo a tomar de xeito urxente as medidas que precisa a Atención Primaria: incrementar o orzamento ata o 25% na presente lexislatura; poñer en funcionamento de inmediato as axendas con procesos finalistas de cada profesional, que recoñezan o mapa de competencias de cada categoría; incorporar á carteira de servizos categorías imprescindibles para prestar a atención necesaria e descolapsar as listas de espera (como profesionais de psicoloxía, terapeutas ocupacionais, logopedas ou traballadoras sociais); elaborar con urxencia o Plano de Ordenación de Recursos Humanos para identificar as necesidades de persoal de cada colectivo e proceder á súa cobertura en todas as categorías e todos os centros de saúde e PACs; e rematar coa política de precariedade e explotación na contratación e posta en marcha dun plan de retorno e captación de profesionais.

Logo de enumerar as distintas casuísticas que constatan o colapso no primeiro nivel asistencial do sistema sanitario galego, Prado concluíu afeando ao conselleiro que “a desatención sanitaria é manifesta e esta é a realidade da que vostede non fala neste Parlamento” e rematou a súa intervención asegurando que “hai medidas que se poden implementar”, pero que o PP non acomete porque a súa “folla de ruta é seguir agochados continuamente da situación de pandemia e de crises e non poñelas en marcha” para así fortalecer a sanidade privada.   

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG