BNG advirte dos graves danos ambientais e económicos previstos nos proxectos eólicos de Penedos de Pasarela e Traba

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Pérez argumentou que esta zona protexida é un polo e atracción económica e de gran valor cultural para a Costa da Morte que os proxectos eólicos do Monte do Chan e Parque dos Mouros poderían danar de xeito irreparable

O BNG levou á Cámara a situación da paisaxe protexida de Penedos de Pasarela e Traba, nos concellos de Vimianzo e Laxe, ameazada por dous proxectos eólicos que vulneran a normativa medioambiental e afectarían á Rede Natura e á economía local e comarcal da Costa da Morte.

O deputado da Costa da Morte, Daniel Pérez, alertou de que os proxectos “Monte Chan” e “Pena dos Mouros” contempla a instalación de varios aeroxeradores no interior da paisaxe protexida, “unha paisaxe singular, case única no mundo”, relatou. As súas turbinas, denunciou, poderían afectar tamén á Zona de Especial Conservación (ZEC) e a Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) “Costa da Morte”. O parque Pena dos Mouros, advertiu, “vulnera a lexislación europea” en relación aos recursos hídricos, a Directiva Europea 92/43/CEE, xa que se sitúa na confluencia de dúas concas costeiras, a da Costa da Morte e Río de Traba, que verten directamente no mar, e unha conca interior, a do Río Grande.

Ambos proxectos eólicos, denunciou o parlamentario do Bloque, minarían a economía de concellos como Vimianzo ou Laxe e a da Costa da Morte no seu conxunto, xa que a zona protexida conforma un polo de atracción económica e de interese cultural, con milleiros de visitantes que se achegan a visitala, cunha influencia positiva na economía da comarca grazas ás pernoctacións turísticas e o consumo na hostalaría local, “que deben ser potenciadas”, engadiu. Todo isto nunha comarca que leva padecendo nestes últimos 13 anos de Goberno do PP unha forte perda demográfica que resulta nun “ermo industrial, polo que habería que potenciar a conservación e promoción dos Penedos como fonte de riqueza”, argumentou.

De feito, denunciou Pérez, estes parques afectarían á propia Rede Natura, a varias Áreas de Interese Ambiental e aos humidais do Coto da Mina e os Muíños. Estes proxectos terían un impacto negativo nos plans de conservación de especies de paxaros como o chorlitejo patinegro e o escribano palustre. Esta zona protexida dende o 2008 non tivo un programa de xestión e preservación do seu hábitat ata 2021, “algo incomprensible”, criticou o deputado da Costa da Morte, xa que a lei prevé que se faga nun prazo dun máximo de dous anos.

Pérez emprazou ao Goberno do PP a aclarar a súa posición respecto do impacto ambiental destes dous parques e a reconsiderar a instalación de ambos proxectos eólicos “que xa contaron cunha forte resposta veciñal”, proposta que recibiu o silencio do Goberno do PP, que se negou a dar a súa valoración sobre estes proxectos eólicos nin o impacto negativo que poderían ter na economía e no ecosistema da zona, incluñida a Rede Natura; ademais, negouse a aclarar o porque da demora para dar cumprimento ao plan de conservación desta paisaxe protexida.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG