O BNG advirte que en 40 anos pode desaparecer o uso do Galego

Ana Pontón instou á Xunta a cumprir a lei e resolucións aprobadas por unanimidade na Cámara galega sobre o Plan Xeral de Normalización Lingüística

Ana Pontón e Cosme Pombo na Comisión de Educación e Cultura

A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe unha Proposición non de lei na comisión de Educación e Cultura na que instou á Xunta a cumprir as resolucións aprobadas “por unanimidade” o pasado mes de setembro do 2014 para a aplicación e seguimento do Plano Xeral de Normalización da lingua galega.

A parlamentaria acusou ao Partido popular de “afundir o país e a nosa lingua” porque non é anecdótico que os peores datos económicos, laborais coincidan cos peores datos do uso da lingua galega, “van da man”. A diminución do uso do galego, dixo, non é un problema da xente como intentou deslizar o presidente da Xunta é ,a todas luces, o resultado dunha actuación deliberada e con responsabilidades políticas.

Un sector do Partido popular, asegurou , quere converter a lingua galega “nun resto arqueolóxico” e son cada vez máis as voces que reclaman que mude a situación porque está en xogo o futuro da nosa lingua e “o uso do galego pode desaparecer en 40 anos”

Ana Pontón aludiu as entidades integradas na plataforma “Queremos galego”, organizacións sindicais, veciñais, de país e nais así como institucións como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura galega que reclaman sexa aplicado o Plan de Normalización Lingüística e derrogado o decreto do plurilingüismo

O PP recoñece a grave diminución de galegofalantes

Tras a intervención do portavoz do PP, Agustín Baamonde que acusou ao BNG de pretender “ impoñerlle á xente o que ten que falar”, a deputada pediu amparo á mesa da comisión para que o deputado popular retirara a acusación. Pola súa parte, a presidenta da mesa, Soledad Piñeiro respondeu que non aceptaba a solicitude porque suporía recortar o dereito de expresión do portavoz do PP.

Pola súa parte, Agustín Baamonde recoñeceu que diminuíu de “maneira preocupante o uso do galego” pero rexeitou que se deba a razóns políticas polo que anunciou o voto en contra á iniciativa do BNG.

De novo no debate, Ana Pontón reiterou que a política lingüística do Partido popular impide que os galegos e galegas poidan vivir actualmente no seu idioma e ser atendidos en galego na xustiza e outros ámbitos e negou o tópico utilizado por Baamonde que reduce a diminución do uso do galego a un problema “ entre rural e urbano”, iso é “unha falsidade e unha mentira” que contribúe moi pouco a normalizar o noso idioma, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG