BNG acusa á Xunta de ocultar o número de docentes para este curso para encubrir un novo recorte no ensino público

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo

Manuel Lourenzo reprocha ao PP que, dende que goberna, o profesorado reduciuse nun 5% na pública, mentres se aumentou nun 5,5% na privadaPropón a contratación de 1.000 docentes, a redución de ratios e garantir o acceso ás optativas e aos ciclos de FP, independentemente de onde se viva

O portavoz nacionalista de Educación no Parlamento galego, Manuel Lourenzo, acusou á Xunta de desenvolver unha “cerimonia permanente de confusión” sobre o número real de docentes cos que contará o ensino público neste curso académico e de facelo co obxectivo de “ocultar” un novo recorte no profesorado.

“Non nos veña con cantos de serea, señor conselleiro, cantos profesores e profesoras en cadro, é dicir canto persoal docente funcionario definitivo e interino, ten en nómina a Primaria e cantos a Secundaria?”, cuestionou Lourenzo ao conselleiro de Educación durante a súa comparecencia parlamentaria, para a continuación recalcar que o Goberno galego “non pode dar datos concretos porque a realidade é outra”.

Neste sentido, o deputado do BNG amosou durante a súa intervención dúas gráficas con datos da propia consellería que evidencian “un recorte do 5% no profesorado do ensino público e, en paralelo, un incremento do 5,5% no profesorado do ensino privado dende que goberna o PP”. “Isto é o cerne do debate e todo o demais, programa Recupera incluído, que supón un recorte de 1.000 profesores en relación ao curso pasado, son malabarismos para ocultalo”, reprobou ao titular de Educación.

Logo de censurar que o Executivo de Feixóo estea “tirando tabiques nos centros públicos para apiñocar alumnos e alumnas” mentres que “enche os petos aos seus amigos do ensino privado”, Lourenzo advertiu que o curso comeza “coa cifra máis alta de unidades educativas privadas subvencionadas da historia, case 4.000” e, segundo recolle o DOG do 20 de agosto, “engádense 42 unidades ao ensino privado”, ao tempo que tan só seis días despois (DOG do 26 de agosto) “fan desaparecer 127 unidades de Infantil e Primaria no ensino público”.

Incremento dun 18% nas transferencias de fondos públicos ao ensino privado

A isto, o portavoz nacionalista de Educación engadiu que dende que o PP chegou á Xunta pechou 138 centros de ensino público -“un de cada 10 centros públicos pechados, señor conselleiro, moitos deles no rural”, afeou- e aumentou en case un 18% as transferencias de fondos públicos ao ensino privado, alcanzando os 276,4 millóns de euros para a privada no curso pasado.

Lourenzo tamén denunciou a “vergoñenta” situación que se está a vivir coas optativas, nomeadamente no rural, co “esperpento” de que hai “familias que se enteran hoxe de que os seus fillos e fillas non van ter un itinerario de letras nos seus centros, por exemplo”, en alusión a que a consellería “non permite matrículas en materias como latín, debuxo técnicos, historia da arte, grego ou francés, porque establece un número de alumnos e alumnas necesario”.

De igual xeito, reprobou á Xunta que nos centros de FP do rural cualifique de “baixa demanda” ciclos medios, pechando matrícula en xullo “aínda sabendo que eses ciclos se nutren de alumnado en setembro”, deixando como única saída “marchar fóra”. “Todo un exemplo de compromiso co rural”, reprendeu.

Despois de reclamarlle ao conselleiro de Educación que reduza as ratios porque “sabe que non hai nada que lle impida ter ratios por debaixo das establecidas polo Ministerio, que son de máximos”, o deputado nacionalista advertiu que “estamos nun curso de transición onde a pandemia segue presente e require de profesorado coma nunca” e, neste contexto, recordou a proposta do BNG de dotar o ensino público este curso con 1.000 docentes máis, reducir as ratios ata 20 alumnxs/aula en Infantil e Primaria e 25 en Secundaria e a garantir que todo o alumnado deste país teña acceso ás optativas, independentemente de onde viva. “Traballen polo ensino público e deixen de actuar como un mero comercial do ensino privado”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG