O BNG acusa a Industria de non facer os deberes e carecer dunha estratexia ante a transición enerxética

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas denunciou que no último ano perdéronse no sector industrial galego 8.500 empregos ao que sumou o recente  anuncio de peche de empresas electrointensivas

O BNG acusa a Industria de non facer os deberes e carecer dunha estratexia ante a transición enerxética

A parlamentaria do BNG, Noa Presas formulou hoxe unha pregunta ao conselleiro de Industria sobre a posición do Goberno galego ante o Goberno  central e a Unión Europea a respecto da transición enerxética. Na súa intervención, a nacionalista denunciou a perda de máis de 8.500 empregos así como o anunciou de peche de empresas electrointensivas e a ausencia dunha política industrial da Xunta para facer fronte ao futuro ante a fin do carbón.

Tras amosar unha foto de Feixóo, o conselleiro de Industria e a  dirección  da antiga Gas-Fenosa, actual Narturgy que  cualificou de “foto da vergoña”,   a nacionalista recalcou que Conde e Feixóo practican o seu deporte favorito: “a publicidade e propaganda” e acusounos de “mentir” a todos os galegos e galegas ao confirmar que a central térmica de Meirama se adaptaría as esixencias de Europa. Saben que a adaptación é inaprazable pero, o Partido popular, unha vez máis, só mostrou interese pola foto mentres Galiza non defendía unha “posición propia ante Europa, o estado e o lobby enerxético”.

“Nesta dinámica autoesculpatoria”, dixo, non poden esquecer que teñen competencias en materia industrial pero en vez de dedicarse a gobernar, dedicáronse a facer fotos. Permitiron, de maneira “premeditada”, a ausencia e discriminación de Galiza nos sucesivos plans do carbón. Coa chegada de Raxoi foron reducidas as contías e compromisos e baixo a desculpa que importábamos carbón xustificaron esa discriminación nos plans, a pesar de que as comarcas mineiras dependían da transición enerxética. “Unha discriminación que a día de hoxe, aínda non foi corrixida”, sentenciou Presas.

Por outra parte, acusou  ao Goberno galego de non ter impulsado unha política enerxética para un futuro  ante o fin do carbón e non planificar unha política destinada a colocar a Galiza no liderado das renovables acompañado dun modelo sostible ambiental e económico. E por suposto, “non vixiaron que as empresas cumpriran cos límites de emisións e mellora do impacto ambiental”.

Ademais, dixo, non están a defender unha “posición propia” ante a transición enerxética polo que convidou ao goberno a saír  do “inmobilismo” e da “dinámica autoesculpatoria”.

Dende o BNG defendemos converter a fin do carbón “nunha oportunidade, nun novo modelo enerxético” que remate coa discriminación de Galiza e os seus recursos: Incluíndo a Galiza no Plan do Carbón en igualdade de condicións a respecto doutras comarcas, defender os dereitos sociais e laborais contando coa participación dos traballadores e traballadoras da Central Térmica de Meirama, Cerceda e os concellos implicados para garantir unha desindustrialización que permita un futuro digno, un Plan de choque para a crise da industria galega e a participación e control político do sector enerxético, apostando polo valor engadido. 

Tras a resposta do conselleiro de Industria, a nacionalista lamentou que, máis unha vez, o Goberno galego se sitúe de “perfil” ante a grave crise do sector industrial con graves consecuencias para o  emprego e desenvolvemento económico das comarcas afectadas. Vostedes “son os do non”, respondeu a deputada do BNG ás acusacións do titular de industria, “están no non cando non exercen de goberno galego, están no si a  moitos minutos de publicidade e  non a defender os dereitos dos traballadores activos e pasivos”, concluíu.