PARLAMENTO EUROPEO

BNG acusa ao PSOE de sumarse ao PP para pechar o informe sobre a Ría de Vigo na Comisión de Peticións da Eurocámara sen ter completado o saneamento

BNG saneamento ría de Vigo
BNG saneamento ría de Vigo
Ana Miranda e Xabier Pérez consideran imprescindible o saneamento integral da Ría para protexer os sectores pesqueiro e marisqueiro
BNG acusa ao PSOE de sumarse ao PP para pechar o informe sobre a Ría de Vigo na Comisión de Peticións da Eurocámara sen ter completado o saneamento

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defendeu a necesidade de que Vigo e a súa contorna conten co saneamento integral da ría, “máis alá de ter a nova EDAR no Lagares, que evidentemente era imprescindible”, que se suma á de Teis. Nesa actuación integral que necesita Vigo salientou a mellora dos aliviadoiros que existen, que son os mesmos que había hai anos, para solucionar os 25 verquidos que seguen existindo, 8 deles no propio concello de Vigo.

Por esta razón Miranda amosouse moi crítica coa decisión do grupos parlamentares europeos do PSOE e do PP que na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo forzaron o peche da denuncia presentada pola “Plataforma pola Defensa da ría de Vigo-CIES” hai anos sobre a situación da Ría de Vigo, mentres que o grupo parlamentar do BNG pediu que quedara aberta, despois de que a Plataforma enviara recentemente diversas alegacións. “Curiosamente nesta ocasión o PSOE decidiu o contrario que decidira en xaneiro de 2019, cando os representantes da Plataforma interviron na Comisión de Peticións e quedou a petición aberta”, manifestou ao respecto.

A portavoz do Bloque en Europa censurou que PP e PSOE se puxeran de acordo en Bruxelas “para pechar esta denuncia sen ter en conta que o saneamento integral da Ría de Vigo non está completo”, ao tempo que destacou que é imprescindible que o tratamento de augas residuais sexa integral en toda a Ría, non só polas multas que impuxo a Unión Europea pola falla de cumprimento, senón para evitar o agravamento dos problemas medioambientais.

Auditoría das EDAR

Ana Miranda destacou que é imprescindible que o saneamento da Ría de Vigo sexa integral, “xa que nosa Ría é un dos principais polos económicos da comarca, polo que temos que protexela en todos os sentidos”, apuntou, especialmente en referencia á relevancia dos sectores pesqueiro e marisqueiro. “Na Ría existen miles de postos de traballo que dependen directa ou indirectamente da boa calidade das augas, polo que temos que seguir demandando un saneamento integral”, engadiu.

Neste mesmo sentido expresouse o portavoz municipal do Bloque, Xabier Pérez, quen subliñou que “o BNG en Vigo temos un firme compromiso con avanzar na reconciliación da cidade co seu medio natural”, que ao seu xuízo pasa por “unha aposta estratéxica por ter unha Ría saneada e polo fin das diferentes agresións que padece un elemento tan valioso desde o punto de vista ambiental e tamén do aproveitamento económico sostíbel. Agresións en forma de recheo, mais tamén en forma de reiteradas verteduras de augas sen depurar”. Neste sentido indicou que 9 de cada 10 verteduras se producen dende a lámina portuaria, dende instalacións industriais do porto de Vigo.

Pérez Igrexas lembrou que desde hai meses o BNG reclamou ao Concello a realización dunha auditoría para avaliar o funcionamento das dúas EDAR, tanto a do Lagares como a de Teis, tendo en conta que nesta última “é manifesta a súa insuficiencia para depurar a auga que recibe”. O portavoz municipal nacionalista salientou asemade a necesidade de que Vigo avance na recollida separada de augas pluviais e non pluviais, tal e como recolle a Directiva europea da Auga.

O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo-Cíes, Serxio Regueira, explicou que na Ría de Vigo sigue habendo diversos puntos nos que se producen verquidos, tal e como explicou na sesión da Comisión de Peticións da Eurocámara na que participou hai pouco máis de dous anos –xaneiro de 2019- e informou que recentemente enviaron nova información á Comisión de Peticións sobre os verquidos que persisten na Ría. Segundo sinalou, a depuradora está preparada para unha cidade de 800.000 habitantes, “pero isto de pouco vale se os aliviadoiros son os mesmos que antes, de forma que hai zonas que seguen contaminadas”.

“Desde a Plataforma non nos estraña que PP e PSOE se poñan de acordo para botar abaixo este tipo de investigacións. En vez de xuntarse para dar solucións e conseguir máis fondos da UE para facer efectiva a separación das augas, deciden pechar a petición para que desde Europa non chamen moito a atención”, manifestou Regueira, quen cualificou esta decisión de “falta de respecto cara a cidadanía”.

BNG acusa ao PSOE de sumarse ao PP para pechar o informe sobre a Ría de Vigo na Comisión de Peticións da Eurocámara sen ter completado o saneamento