O BNG acusa ao goberno de non ter presentado emendas para mellorar os fondos europeos á pesca

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado demandou a exclusión de TACs e cotas para a flota pesqueira e artesanal, manter as contías dos  fondos europeos e priorizar este sector fronte a acuicultura  

A deputada e portavoz de pesca do BNG, Montse Prado, tras acusar ao goberno de “desleixo” por non presentar emendas aos fondos europeos para a pesca co fin de  implementar medidas para mellorar as condicións do sector, reclamou ao goberno galego  que  “faga presión”, para que as propostas nacionalistas do BNG prosperen na última fase das negociacións do fondos.

Prado afirmou que o Goberno galego “non fixo ben os deberes” nin negociou con criterios para mellorar os TACs e límites de cotas para a nosa pesca. Na súa intervención, explicou que non é posible o relevo xeracional e manter a  competitividade cando as normas da Unión europea o están a impedir e  “939 unidades menos de artes menores nos últimos anos, é un claro exemplo”.

A deputada acusou ao Partido popular de non “defender medidas para mellorar as condicións  da pesca artesanal” e volveu reclamar ao  goberno que medie ante a   Comisión de Pesca  europea  para incluír   no Regulamento  dos Fondos Europeos do Mar e da Pesca, FEMP as emendas do BNG destinadas a: “Manter as contías dos fondos existentes, porque a redución do volume orzamentario nunha nación pesqueira como Galiza tería un gran impacto negativo, priorizar o aspecto social, económico e medio ambiental e definir a pesca costeira artesanal no uso de artes sustentábeis, na distancia á costa, no produto fresco, e na propiedade de embarcacións de tipo familiar e non nos 12 metros máximos da embarcación”.

A parlamentaria  manifestou que o Partido popular segue na senda de defender a acuicultura intensiva a pesar da grande importancia do marisqueo a pe e a miticultura. É necesario, dixo, aprobar medidas de apoio ás paradas da flota pesqueira por motivos de tipo climático, accidentes, consecuencias derivadas de acordos pesqueiro ou paradas técnicas. Ademais, tamén reclamou “a exclusión de TASc e cotas  para a pesca e flota artesanal”.

Pola súa parte, o portavoz popular, Pazos Couñago, anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista por considerar que o Partido popular negociou correctamente os fondos e o PP non vai defender as propostas do BNG ao que a deputada  replicou que o goberno galego, “non tomou nin toma  en serio a nosa pesca artesanal” a pesar de representar  o 15% de capturas  no ámbito comunitario e contar cun gran potencial de futuro para a economía galega. Desgraciadamente para nós, recalcou,  as decisións políticas sobre a nosa pesca non se toman en Galiza, decídense no Estado español e na Unión Europea. Cando se aproban os criterios nas negociacións, “o goberno galego está ausente” e advertiu que  aínda estamos a tempo para incluír as emendas do BNG ao regulamento dos Fondos europeos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG