BNG acusa ao Goberno do PP de “falta de receitas” para solucionar os graves problemas da sanidade pública

Montse Prado
Montse Prado

Prado criticou a continuada precarización da sanidade pública do PP cun “orzamento menor que hai 13 anos mentres lles esixen máis ás e os profesionais”

A portavoz de Sanidade recriminou que “menos orzamento é menos Atención Primaria, chave para a prevención da saúde”

O BNG denunciou a actitude dun Goberno do PP que non ofrece ningunha nova proposta para resolver a urxente e precaria situación da sanidade pública en Galiza mentres emprega o Parlamento para facer recompilación de anuncios pasados.

A portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, relacionou este deterioro da sanidade pública galega coa precarización que un Goberno do PP “falto de receitas” exerce nela mediante a redución orzamentaria e a privatización, con “doentes con constantes atrasos e revisións das que nunca máis saben. Pacientes que non teñen revisión ata un ano despois, un ano de espera” porque, argumentou, “menos orzamento é menos Atención Primaria, chave para a prevención da saúde”. Este escaso financiamento tamén ocorre, detallou, “nos programas de prevención do suicidio, que non pasan do papel, deben atender un auténtico drama para os galegos. Ten unha partida ridícula, igual que o programa para a prevención da drogodependencia”, denunciou.

“Xente con cancro e metástase indo a Urxencias ata 5 veces porque non atopan atención, isto aparece nun medio de comunicación. Os oncólogos advirten de cancros en continuo aumento”, recriminou Prado, en alusión a unha Galiza na que o PP sume no cuarto posto pola cola a nivel estatal en investimento en persoal e segunda pola cola en investimento na Atención Primaria, o primeiro lugar de detección de numerosas patoloxías. “Vostedes seguen aplaudindo ata o aplauso final as incongruencias e as comparecencias de roupa vella, e así lle vai á sanidade pública do noso País. Sigan aplaudindo”, recriminou á bancada Popular.

“Xa está ben de negar o que está a ocorrer coa Sanidade. Hai moitísimos galegos e galegas que chegan tarde aos diagnósticos, diagnostícanlle tarde as patoloxías, e iso non o poden tapar”, denunciou a parlamentaria do Bloque que, “fronte as palabras que non se sustentan en ningunha realidade”, aludiu ao dito pola presidenta da Sociedade Española de Oncoloxía, que advertiu que o “parón” do ano 2020 trouxo consigo “caídas das probas e das diagnoses, con atrasos para os próximos anos, esa realidade sófrena os galegos e galegas e vostedes as negan”, advertiu.

Fronte esta baixada da calidade asistencial e a vulneración dos dereitos fundamentais dos e das pacientes, a portavoz de Sanidade recordou ao Executivo dos Populares que “depende de vostedes que os profesionais queiran traballar na Atención Primaria e non marchen e poñer en marcha as conclusións do consello técnico” para resolver esta situación e para que a redución dos rateos “sexa unha realidade ou para que a carteira de servizos se poña en marcha” e concluíu emprazando ao conselleiro de Sanidade a empregar os impostos “non para mercar vontades senón para solucionar os problemas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG