parlamento galego

BNG acada o compromiso da Xunta para interceder ante a Área de Turismo da Deputación de Lugo co fin de recuperar o topónimo Doade para o embarcadoiro monfortino

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira insistiu na obriga da Xunta de respectar a tradición dos topónimos e salientou que a recuperación do topónimo Doade para o embarcadoiro conta cun amplo respaldo social

A través dunha pregunta parlamentaria formulada pola deputada nacionalista, Carme Aira, o BNG acadou o compromiso da Xunta para interceder ante a Área da Deputación de Lugo co fin de recuperar o topónimo Doade para o embarcadoiro na  zona monfortina.

Carme Aira explicou que a parroquia bañada polo río Sil, ubicada na zona monfortina conta cun embarcadoiro da Deputación de Lugo  do que parten os paseos en catamarán e dende que comezou a súa actividade nos anos 90 o embarcadoiro foi denominado como Embarcadoiro Doade e o de enfronte, no lado ourensán, Embarcadoiro Abeleda.

Ambos nomes están referidos aos lugares nos que están situados pero no embarcadoiro monfortino a presenza dun establecemento baixo o nome Ponte do Sil provocou que o embarcadoiro de Doade fora denominado tamén Embarcadoiro Ponte do Sil.

Esta circunstancia, sinalou a deputada, levou a un gran número de turistas coa intención de facer a ruta en catamarán a acabar en Ponte do Sil do concello de Ribas do Sil e non no embarcadoiro do río  producindo unha afectación do turismo na zona sendo este un dos sectores que mantén  emprego na Ribeira Sacra       

No momento de entrar no  explorador co nome de Embarcadoiro  Ponte do Sil, nas 2 primeiras entradas aparece referenciado pero sen sinalar a  parroquia sen embargo,  nas dúas seguintes referidas a un páxina de  facebook co nome  ORENSE, aparece  o embarcadoiro  na parroquia de Doade no  concello de Monforte.

A deputada considerou   que oficialmente o “nomenclátor galego recolle” esta parroquia no concello de Sober pero na práctica tamén o territorio que pertence historicamente a Monforte forma parte desta parroquia, e os seus habitantes  así o senten e ao seu xuízo, a Xunta non pode permitir negar este feito.

Para estes habitantes, engadiu Carme Aira,  “non é unha cuestión menor e precisan ter claro  quen ten as competencias sobre a nosa toponimia e o seu exercicio” e advirten que  en ningún caso van a  consentir que sexa borrada.

Por outra parte, lembrou que a  organización parroquial galega é secular e transcende o relixioso e o político,  e identifica o noso territorio dun xeito administrativo e social, a Ribeira Sacra nese termo denomínase a Ribeira de Doade...  e iso non admite dúbida algunha.

Ademais, é necesario impulsar o sector do turismo como motor e sostén da nosa economía así como facilitar a fixación da poboación nova nesta zona, polo que dende o BNG, afirmou,  demandamos  “respecto institucional á poboación e isto inclúe o respecto á súa toponimia”

É competencia e responsabilidade da Xunta de Galiza  respectar a toponimia galega polo que volveu a preguntar que accións iniciará o goberno para garantir  que “a parroquia de Doade siga identificándose co topónimo de Doade con todos os  seus lugares sen risco de que no futuro acabe perdéndose ese nome nese lugar concreto”.

Tras a intervención da deputada do BNG, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, tras destacar  o  valor do topónimo,  comprometeuse a mediar coa Área de Turismo da Deputación de Lugo para recuperar a denominación Doade, unha  demanda que conta co total apoio dos habitantes da zona e  considerou que para a secretaria de Política Lingüística sería “valida” a denominación do Embarcadoiro de Doade”. Valentín García recalcou que a Xunta sempre defende os topónimos de referencia tradicional da zona e ese, remarcou, “é o noso criterio”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG