parlamento galego

BNG acada un acordo unánime para que a Xunta interveña para desbloquear as negociacións do convenio colectivo do metal da provincia de Pontevedra

Carmela González
Carmela González
Carmela González celebrou o apoio unánime das forzas políticas representadas no Parlamento galego e o compromiso do goberno galego de  convocar a sindicatos e patronal a unha mesa de diálogo para garantir a mellora das condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras

A deputada do BNG, Carmela González defendeu unha proposta que acadou o “apoio unánime” da Comisión de Industria, celebrada no Parlamento galego sobre a intervención da Xunta de Galiza ante o bloqueo das negociacións do convenio colectivo do sector do metal da provincia de Pontevedra.

A nacionalista celebrou o acordo “unánime” e o compromiso do goberno galego para cominar a sindicatos e patronal a unha mesa de diálogo co fin de garantir as melloras nas condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras do sector.

Tras lembrar o pasado combativo das vigueses e vigueses nas loitas obreiras dos anos 70, a nacionalista salientou que o sector do metal durante moitos anos converteuse “nun referente” das reivindicacións laborais  dignas e xustas.

Nos últimos convenios do metal da provincia de Pontevedra, engadiu González,  o sector xa padeceu algúns retrocesos, polo que non se pode permitir que no conflito actual non se corrixa esa tendencia.

O pasado 15 de xuño, explicou,  as organizacións sindicais maioritarias no sector do metal de Pontevedra (CCOO, UXT e CIG) convocaron unha xornada de folga reivindicando “un convenio xusto” sendo a  primeira das 6 xornadas de folga convocadas ate o día de hoxe e  “secundadas maioritariamente polos traballadores e traballadoras”.

As organizacións sindicais, en representación das traballadoras e traballadores demandan, explicou a deputada, unha  suba salarial dun 4% para cada un dos 3 anos de vixencia do convenio, do 2023 ao 2025, o mantemento da cláusula de revisión salarial conforme do IPC real para compensar a perda de poder adquisitivo dos últimos anos, a redución da xornada laboral en 24 horas anuais e garantir a subrogación do persoal entre empresas, para que no caso de que se produza un cambio de subcontrato os traballadores, especialmente os de máis idade, “ non perdan o emprego”.

Para a deputada do BNG, a actual  situación de crise exixe a necesidade das  melloras salariais e laborais  para garantir que as traballadoras e traballadores do sector “ podan chegar a fin de mes”.

O convenio do metal é o maior de toda a provincia de Pontevedra e  afecta a máis de 30.000 traballadoras e traballadores e a unhas 3.700 empresas. A paralización do sector  prexudica gravemente as traballadores e empresas  e xa “estamos ante un mes de mobilizacións sen que a Xunta de Galiza e a Dirección Xeral de Relacións Laborais reaccionaran”.

Pola súa parte, A Dirección de Relacións Laborais como autoridade laboral “ten que mediar para desbloquear as negociacións do convenio do metal da provincial de Pontevedra e pular para garantir unhas condicións laborais xustas para os traballadores e traballadoras do sector”.

A patronal mostra a súa preocupación por esta situación pero tampouco está disposta a garantir as condicións laborais para reter aos  profesionais cualificados que o sector precisa, e para que volvan os que marcharon, de  aí a urxencia de abrir esa mesa de diálogo para acadar unha solución satisfactoria, criticou Carmela González.

Cargas policiais desproporcionadas nunha manifestación autorizada

Na súa intervención, Carmela González tamén se referiu ás cargas policiais rexistradas contra as persoas que participaban nas mobilizacións dos pasados días e tras denunciar o uso desproporcionado da actuación policial considerou que o  delegado do Goberno “debe dar explicacións por unha  actuación policial que impediu unha manifestación autorizada e deixou ducias de persoas feridas”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG