BNG acada un acordo unánime para dotar os centros de saúde de persoal médico e enfermaría especialista en pediatría

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira tamén urxiu ao SERGAS dotar de persoal e recursos o Hospital Álvaro Cunqueiro para rematar coa saturación e garantir unha atención digna ás crianzas, dotar de dous novos PACs a cidade de Vigo e  cubrir as prazas MIR e EIR en pediatría na Atención Primaria e Hospitalaria, propostas, todas elas,  rexeitadas polo Partido popular.

O BNG acadou un acordo unánime na Cámara galega para dotar os centros de saúde de persoal médico e enfermaría especialista en pediatría co fin de garantir unha asistencia sanitaria en Atención Primaria de todas as crianzas en idade pediátrica, independentemente do seu lugar de residencia.

A moción defendida pola nacionalista, Iria Carreira tamén reclamaba outros tres puntos que foron aceptados  polo Partido popular nos que o BNG  reclamaba: Dimensionar  os servizos de urxencias pediátricas dos hospitais galegos, nomeadamente do Hospital Álvaro Cunqueiro, con profesionais e recursos  para rematar coa situación de saturación e garantir unha atención digna e áxil ás crianzas. Dotar, como mínimo, un PAC de cada comarca da Área Sanitaria con atención pediátrica, especialmente no PAC de Pizarro, e dotar á cidade de Vigo de dous novos PAC en Coia-Navia e Teis, que  inclúa atención pediátrica. Ademais, demandou  medidas  para garantir o número de prazas MIR e EIR en pediatría suficientes para cubrir o total de prazas para atender  á totalidade de crianzas galegas, tanto na Atención Primaria como Hospitalaria, e  contemplando na súa formación a  presenza en Atención Primaria, acorde á porcentaxe que representan as prazas da especialidade no 60%.

A parlamentaria celebrou a unanimidade para garantir a asistencia sanitaria ás crianzas en idade pediátrica e dotación especializada nos centros de saúde pero lamentou que, unha vez máis, o Partido popular continúe cunha política sanitaria que “non   actúa  en todos os niveis asistenciais”, nin  reforza a sanidade pública e atención para  as cativas e adolescentes. Urxe, dixo “actuar  cara ao futuro”,  e incidir na formación, sobre os MIR e os EIR, convocando as prazas que sexan precisas, e cunha formación acorde á realidade. 

Na súa intervención,  a nacionalista criticou  as acusacións do Partido popular contra o  BNG  por denunciar o actual “caos sanitario” e lembrou que o propio TSXG pronunciose ao afirmar que o Sergas "incumpre coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais, de valoración da carga de traballo do colectivo médico e de avaliación dos riscos do seu posto de traballo". Sentenza, puntualizou, vinculada ás condicións de médicas de familia e pediatras en Atención Primaria.

A deputada explicou que existen moitos concellos sen pediatras nos centros de saúde e PACS   así como  “ comarcas enteiras sen especialistas en pediatría, sobre todo no medio rural  con crianzas sen pediatra asignada”. Crianzas, remarcou,  “sen ningún tipo de continuidade asistencial, con atrasos nos controis do programa do neno san, nas vacinacións e  listas de espera  en Atención primaria”.

Neste sentido, sinalou  que  “unha actividade preventiva resulta esencial en pediatría”,  agora relegada a atender as consultas urxentes” e puxo como exemplo os tempos de espera dunha semana en Bertamiráns e Milladoiro, dúas semanas en Compostela ou Ordes que atende ás crianzas de Mesía e Frades, 10 días en Vigo ou 17 días en Carballo

A deputada advertiu que esta situación pode agravarse ante o envellecemento do cadro de persoal como xa aconteceu con tres xubilacións este ano en Vigo. Temos cadros ao “límite” e desbordados” como xa lle trasladamos dende o BNG no anterior pleno ao Conselleiro de Sanidade  no que tamén nos referimos á situación do Álvaro Cunqueiro, “único centro hospitalario que presta atención pediátrica a área de Vigo”.

Esta saturación, remarcou Iria Carreira, non é exclusiva dun hospital só é unha realidade que se pode constatar  no  HULA e o PAC de Fingoi, en Pontevedra, na  Barbanza, con crianzas en Urxencias por non poder ser trasladadas a unha habitación, de PACs que están desbordados e con carencias de persoal. “Crianzas e familias que agardan horas por unha atención, por un tratamento”.

A deputada do BNG rematou a súa intervención amosando a súa confianza en que o acordo unánime acadado hoxe no Parlamento galego sexa cumprido co ánimo de  resolver “parte da problemática pediátrica en Galiza” e volveu a pedir ao Partido popular “un cambio de rumbo” na súa política sanitaria no camiño de acadar unha atención digna e áxil para todas as crianzas.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG