BNG acada un acordo unánime para condenar os abusos sexuais de menores no ámbito da Igrexa Católica

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará pediu a Feixóo que rectifique as súas declaracións por “minimizar” a gravidade do acontecido e se poña ao lado das vítimas para rematar coa “impunidade e o silencio” e reparar o dano inflixido

O deputado do BNG, Luís Bará, a través dunha proposición non de lei acadou a unanimidade do Parlamento galego para “ condenar  os  graves  casos  de  abusos sexuais a menores na Igrexa católica e amosar o apoio ás vítimas dos mesmos na súa demanda de verdade, xustiza e reparación”.

Ademais, o acordo inclúe: instar á Xunta a apoiar  e  colaborar  coas  investigacións  que  se  leven  a  cabo  no  ámbito  da Igrexa co fin de   reparar  o  dano  causado  e  a  condenar  aos  responsábeis  destes graves delitos, así como dar   soporte  e  apoio  ás  vítimas,  tanto  no  proceso  de  denuncia  como  no tratamento  e  superación  dos  danos  e  secuelas  causados  polos  abusos  que sufriron. A comisión de investigación, dixo, debe contra “con persoal especializado e medios”.

Na súa intervención, o nacionalista lembrou que o  pasado mes de novembro do 2021, o xornal  EL PAIS entregou  ao Papa Francisco e á Conferencia Episcopal Española o dossier dunha grande investigación sobre  pederastia  na  igrexa  católica,  con  “251  novos  casos  e  1.271 vítimas”. 

A  este  respecto, dixo,   chama  a  atención  a  posición do  Estado  español  en  relación con outros países da contorna onde houbo investigacións independentes que deitaron luz sobre unha realidade durante moito tempo silenciada entre os que destacou  Francia, que tras unha  investigación  independente  confirmou  os abusos  de 216.000 menores dende o ano 1950 e 3.200 relixiosos pederastas.

A ausencia   de  informes  e  investigacións  oficiais, explicou, é un  baleiro  que está a ser cuberto  parcialmente polos medios de  comunicación e o ámbito universitario. Neste sentido, aludiu  ao  estudo  presentado  en  xuño  de  2021,  e  publicado  pola Sociedad Aranzadi (Abusos sexuales, menores e instituciones religiosas: respuestas restaurativas desde la investigación), na que un equipo da UOC, da Universidade de Barcelona e da Universidade do País Basco “botou luz sobre unha realidade silenciada”.

En Galiza, engadiu,  un dos casos que se coñecen é o da Congregación dos  Maristas,  na  que  foron  denunciados  relixiosos  de  centros  de  Vigo,  A  Coruña, Lugo e Ourense:  e segundo a investigación de EL PAÍS habería “13 maristas denunciados por abusos cometidos entre 1956 e 1980” ao que sumou os casos do colexio  La Salle en Compostela.

Aínda que a  Igrexa amosou a súa vontade de investigar as denuncias e crear oficinas  de  atención  a  vítimas,  “a  resposta  é  desigual entre os  bispados e arcebispados e non satisfai as demandas das asociacións de vítimas que reclaman  unha  resposta  integral  desde  a  xerarquía  católica”.

 Por outra parte,   no  ámbito  do  Estado,  a  finais  de  xaneiro  de  2022,  a  Fiscalía  Xeral do Estado anunciou unha investigación solicitando ás 17 fiscalías xerais territoriais  a remisión de  todas  as  querelas  e  denuncias  en  tramitación  sobre agresións e abusos sexuais a menores en calquera institución relixiosa. En paralelo, o Congreso deu luz verde a solicitude dunha  comisión de investigación sobre casos de pederastia no seo da Igrexa católica.

Feixóo debe rectificar as súas palabras e poñerse ao lado das vítimas

Bará lembrou que o día 1 de xaneiro, o presidente da Xunta preguntado por esta cuestión, afirmou que que a investigación debe ser en todos os ámbitos en non só dentro da Igrexa católica. Para o deputado, con estas declaracións, Feixóo relativiza “a gravidade dos feitos” e non  recoñece “o carácter especifico e de maneira sistemática e continuada dos abusos dentro da Igrexa católica” polo que pediu unha “inmediata rectificación” ao titular do Executivo. Feixóo dixo, debe “rectificar e poñerse ao lado das vítimas” que levan moito tempo reclamando das administracións públicas e da  xerarquía católica unha resposta contundente para rematar  co “silencio e a impunidade”.

A estas alturas, recalcou Bará, os abusos na Igrexa católica “non son casos illados” e urxe crear unha comisión de investigación para reparar ás vítimas.

O deputado agradeceu o apoio unánime  á iniciativa do BNG e amosou a súa confianza sobre o seu cumprimento  para  “investigar os abusos a menores no ámbito da Igrexa católica”, co “persoal e medios necesarios”. O nacionalista indicou que  durante moito tempo foi un tema tabú no que houbo “complicidade e encubrimento” e por iso hai que remover o pasado aínda que doa, “esa é a clave para que estes feitos non se repitan”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG