O BNG acada un acordo no Parlamento para axilizar a mesa de traballo da Xunta e POLIGAL

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas defendeu a proposta, co fin de manter o emprego de Poligal en Narón e impulsar a actividade industrial da comarca

A deputada do BNG, Noa Presas defendeu unha proposición non de lei aprobada   por unanimidade na Comisión de Industria, acordo  polo que o Parlamento instará  á Xunta de Galiza “a levar a cabo todas as actuacións posíbeis para o mantemento do emprego e do proceso produtivo de Poligal en Narón, así como do mantemento e impulso da actividade industrial nesta comarca, a comezar por unha Mesa de Traballo na que se integren ás partes e axentes implicados comprometendo axilidade e periodicidade nas súas reunións”.

Na defensa da proposta, a deputada nacionalista criticou que a Xunta xa se comprometera a formalizar a Mesa hai máis de 15 días coa previsión de reunirse o vindeiro venres, xusto un mes despois, dixo,  do  anuncio da presentación de concurso de acredores e posible peche da planta de Poligal en Narón, situada no Polígono das Gándaras.

A deputada afirmou que no  último ano, mentres no conxunto da economía galega se incrementa a ocupación en 32.300 persoas, “a industria galega evoluciona en sentido contrario e sufre un forte retroceso de 3.500 ocupados menos”. Neste contexto, recalcou, o retroceso representa unha mala  nova para unha comarca castigada polo impacto doutros peches e ERES, así como para  o sector madeireiro e  mobiliario decorativo ao que sumou  a incertidume das empresas : Isowat, Alcoa, Ferroatlántica en Sabón, de gran relevancia económica para a Coruña e a súa comarca.

Poligal, explicou Presas,  é un dos principais fabricantes europeos de film de polipropileno.  Unha  empresa estratéxica na  fabricación de envases e de valor engadido nun momento de transición a un futuro que ten que apostar por materiais máis sostibles.

Por outra parte, mentres a “dirección da empresa destinaba cantidades millonarias ás plantas de Polonia e de Portugal”, a planta galega non recibía ningún  investimento, estamos polo tanto, dixo, ante un “claro exemplo  de deslocalización” para   trasladar a produción e o coñecemento de Narón a outras latitudes, a pesar de ser unha empresa con beneficios e carga   de traballo comprometida no momento do anuncio de concurso de acredores.

Compartimos cos traballadores e traballadoras que “o concurso de Poligal é fraudulento” e lamentamos a lentitude da Xunta que só reacciona ante a presión sindical e política”. Estamos  “en tempo de desconto” advertiu a nacionalista,  polo que pediu á Xunta  que axilice a Mesa  para iniciar, o antes posible , as accións necesarias para garantir os postos de traballo e a actividade industrial da comarca.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG