BNG acada un acordo para incluír no Real Decreto as diferencias entre a arte das betas e das volantillas e garantir que podan faenar en augas interiores e fóra delas

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez insistiu na urxencia de corrixir o actual proxecto do Real  Decreto que compara betas con  volantillas cando en Galiza estas artes non son equivalentes

BNG acadou un  “acordo unánime” na Comisión de Pesca para reclamar ao goberno do Estado “corrixir”  o “proxecto de Real Decreto” que regula o exercicio da pesca das diferentes modalidades que faenan en augas dos caladoiros do Cantábrico Noroeste, Golfo de Cádiz e Mediterráneo, co obxecto de incluír no texto final a “diferenciación entre a arte das betas e a das volantillas e garantir  que as embarcacións que empregan estas últimas podan faenar tanto en augas interiores como fóra delas”.

A portavoz de pesca e autora da iniciativa, Rosana Pérez explicou que o proxecto de Real Decreto  pretende regular a pesca nos caladoiros de augas territoriais competencia

do goberno do Estado cunhas previsións que suporán, de manterse no texto, “importantes problemas para o sector pesqueiro galego”.

Rosana Pérez aludiu aos artigos 27 e 28 do Capítulo V, relacionados coas artes menores de pesca con  referencia ás coñecidas como “redes de enmalle dun só pano ou betas” establecendo unha relación de sinonimia entre o termo ‘betas’ e ‘volantillas’, cando en Galiza, puntualizou, “estas artes non son equivalentes polas súas diferentes características técnicas”.

Neste sentido, lembrou que o  Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro,  que  regula as artes,  aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galiza, deixa claras as características específicas das dúas técnicas. No caso das dimensións da malla, para a beta sería de igual ou máis de 60 milímetros, mentres que para a volantilla será mínimo de 60 e máximo de 90 milímetros.

Por outra banda,  as pezas da beta terán unha lonxitude máxima de 50 metros e unha altura máxima de 3 metros e as da volantilla, ademais desa lonxitude máxima
de 50 metros, terán un número máximo de 70 mallas en vertical.

O uso de volantillas contribúe a unha pesca máis selectiva e respectuosa cos recursos mariños e limítase ao ámbito das augas interiores, competencia de Galiza pero  nalgunhas zonas  nalgunhas zonas, como é o caso da Costa da Morte, indicou a nacionalista, resulta complicado aterse  rigorosamente á lei, xa que o límite entre ambas dúas augas está moi próximo. “Cómpre, pois, garantir a mobilidade dos barcos pesqueiros para acceder aos bancos de pesca, sobre todo ás especies de maior tamaño presentes maioritariamente fóra das augas interiores, e cómpre incorporar  á regulación estatal á pesca con volantillas entre as artes permitidas, o que evitaría o risco de infraccións e, polo tanto, de sanción aos mariñeiros”.

Rosana Pérez amosou a súa satisfacción polo apoio unánime  da Comisión e Pesca  á iniciativa nacionalista, un acordo que insta á Xunta a reclamar ao goberno do Estado corrixir  o Real Decreto co  obxecto de incluír no texto final “a diferenciación entre a arte das betas e a das volantillas e garantir  que as embarcacións que empregan estas últimas podan faenar tanto en augas interiores como fóra delas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG