O BNG acada un acordo para demandar que o Estado asuma o “tarifazo” dos suplementos territoriais

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas recrimina ao Partido popular non ter negociado co Estado durante o goberno de Raxoi  un “tarifazo” de 111 millóns de euros dos que 38 millóns que corresponden a Galiza

O BNG acada un acordo para demandar que o Estado asuma o “tarifazo” dos suplementos territoriais

O BNG  acada un acordo,  a través da proposición non de lei defendida pola deputada Noa Presas, para  que o Estado asuma “o tarifazo” dos suplementos territoriais  en lugar de penalizar con este incremento a todos os galegos e galegas. 

O acordo acadado hoxe na comisión de Industria, co apoio do Partido popular e En Marea e a abstención do PSdG-PSOE, obriga ao  Parlamento a  instar á Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado:

1.Que exclúa a Galiza da Orde definitiva para a tramitación respecto dos suplementos territoriais para o exercicio 2013, por atentar contra as competencias galegas en materia de tributación ambiental e por seren contrarias para os intereses dos galegos e galegas e da nosa economía.

2. En caso de non prosperar os recursos legais e políticos á aplicación dos suplementos territoriais, demandar do Estado a asunción de todos os custes que sexan requiridos para dar cumprimento a estas Sentenzas, xa que foi unha norma emitida polo goberno central a causante destas.

Para a deputada do BNG, hoxe o Partido popular recoñeceu o “fracaso da Xunta” na xestión do tarifazo e votou a favor da iniciativa nacionalista despois de ter votado sistematicamente en contra de todas as propostas que evitaban este incremento. Con esta votación, afirmou Presas, o PP vén de recoñecer ese  fracaso nunha xestión cuxa estratexia foi a da avestruz afirmando que o tarifazo nunca se produciría. 

Por outra parte, a nacionalista recriminou ao Partido popular non emprender ningunha  negociación co Estado durante o goberno de Raxoi, a pesar de ser da  mesma cor política que a Xunta de Galiza”. O PP, reiterou, sempre negou o que ía acontecer e a Xunta  “non puxo as pilas nin foi responsable malia as advertencias do BNG”.

Nun primeiro momento, explicou, o PP creou dúas leis do sector eléctrico que permiten que “quen produce acabe pagando máis pola súa factura eléctrica” ao repercutir os impostos autonómicos  na factura das persoas consumidoras.

Ademais, o Partido popular  aprobou tamén un Decreto-Lei  de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade o que converteu o que a Lei recolle como posibilidade en obrigatorio para o ano 2013. Como resultado desta medida, “as  eléctricas recorreron e foron gañando diferentes sentenzas”.

GALIZA OBRIGADA A PAGAR 38 DOS 111 MILLÓNS DE EUROS

O Goberno español publicou no verán de 2013 o borrador da Orde que recolle os suplementos territoriais en relación ás peaxes de acceso á enerxía eléctrica e que suporán o pago por parte das persoas consumidoras dos impostos específicos que paguen ás empresas eléctricas pola súa produción. De acordo coa memoria económica que acompaña a proposta de Orde publicada polo Goberno español, “Galiza soportaría un maior prezo como resultado da imposición deses suplementos ao pagar 38 millóns de euros dun total de 111 millóns”. 

Agora coñecemos un novo auto do Supremo con data 26/09/2018 que recolle: “Fijar el próximo día 30 de noviembre como fecha última para la ejecución solicitada”. Chegados a este punto e constatado o fracaso do PP, remarcou Presas, “o BNG entende que quen debe pagar ese diñeiro é o Goberno central”, concluíu.