Bará esixe a Rueda que exerza de presidente da Xunta e deixe o servilismo ao PP na defensa dun financiamento xusto co País

Luis Bará
Luis Bará

O BNG non renuncia ao sistema de concerto pero fai de novo unha proposta alternativa para chegar a un acordo de mínimos que permita avanzar na soberanía fiscal e financeira de Galiza

O deputado do BNG Luís Bará esixiu a Alfonso Rueda que exerza como presidente da Xunta e non como “delegado do PP” para defender os intereses de Galiza no debate aberto sobre o financiamento autonómico, para o que o BNG propón de novo un acordo de mínimos que permita avanzar na autonomía fiscal e financeira do País, sen renunciar ao modelo de concerto.

 “Asistimos a unha auténtica sobreactuación de Rueda, que fala para a galería, mesmo con bágoas de crocodilo e cun enfoque electoralista”, criticou Bará, que lembrou que durante os últimos anos tanto Rueda como Núñez Feijóo mantiveron silencio respecto do actual modelo de financiamento, “moi centralizado, obsoleto e, sobre todo, discriminatorio para Galiza”, un sistema  que caducou hai nove anos e que supuxo un “infrafinanciamento de miles de millóns de euros en servizos fundamentais para os galegos e as galegas como a educación e a sanidade”, engadiu.

O deputado do BNG lamentou o “dobre discurso” do PP respecto desta cuestión. “Cando chegan á Castellana éntralles unha especie de tembleque e abrazan o servilismo e a submisión. E non din nin pío, por exemplo, sobre a Comunidade de Madrid, unha das grandes beneficiarias deste sistema discriminatorio para Galiza e que ademais creou un auténtico paraíso fiscal para atraer grandes empresas que deixan de tributar noutros territorios”, reprobou.

De cara ao vindeiro periodo de sesións, o BNG pedirá a reactivación da comisión parlamentaria sobre financiamento autonómico que, dixo, “leva case ano e medio e stand by porque o PP non lle interesa que haxa un acordo” na Galiza.

O Bloque non renuncia a un modelo de concerto semellante ao de Euskadi e Navarra para que Galiza teña plena autonomía fiscal e financeira, “unha proposta ambiciosa para termos a chave dos cartos e que reflexa a confianza nas capacidades e potencialidades do País fronte a esa idea de que temos que ser un país subsidiado que dependa da caridade dos demais”, apuntou Bará.

Tendo en conta a actual correlación de forzas e sen renunciar a defender ese modelo de concerto, o Bloque presentará de novo unha “proposta alternativa” coa idea de acadar un “acordo de mínimos” no País e avanzar a soberanía fiscal e financeira a partir dunha negociación bilateral do Estado asentada nos piares da recadación e o reparto, segundo explicou o deputado do BNG.

O Bloque propón aumentar a recadación mediante a cesión do 90 % do IVE e do IRPF, ou o incremento de xestión de outros impostos especiais. Pide, así mesmo, a cesión do imposto de sociedades para que tributen en Galiza as empresas que desenvolven aquí a súa actividade produtiva, “como acontece coas grandes enerxéticas como Endesa, Naturgy ou Iberdrola, que captan centos de millóns de euros da nosa riqueza e que tributan en Madrid”.

Na súa proposta o BNG inclúe un modelo fiscal máis xusto e progresivo, así como desenvolver unha fiscalidade medioambiental para combater a emerxencia climática e avanzar cara a creación dunha auténtica facenda galega.

A alternativa de mínimos que presenta o Bloque inclúe tamén cambios nos criterio de distribución por poboación axustada, mediante o incremento da ponderación do envellecemento do 8,15 % actual ao 15 %, e da dispersión do 0,6 % ao 4, 2. Habería outras variables a ter en conta, segundo o BNG, para o reparto de fondos, como a emigración, as características do xeográficas e ambientais do territorio -como os quilómetros de costa- ou o feito de ter lingua e cultura propias.

Luís Bará referiuse, por outra banda, ao debate sobre a condonación da débeda do FLA, instando tanto a Rueda como a Feijóo a explicar por que a Xunta non acudiu a este sistema de financiamento público, con condicións máis vantaxosas. En todo caso, reclamou compensacións para Galiza “que durante estes anos acudiu ao mercado privado e multiplicou por tres o seu endebedamento”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG