Luís Bará denuncia a pasividade da Xunta ante a venda especulativa da parte galega da AP-9 a un fondo voitre

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará denuncia a pasividade da Xunta ante a venda especulativa da parte galega da AP-9 a un fondo voitre

O portavoz de infraestruturas, Luís Bará, denunciou a pasividade do Goberno galego ante os últimos movementos especulativos entorno á AP-9 que implicaron a venda do capital galego que quedaba, neste caso en mans da entidade ABANCA, a un novo fondo voitre por importe de 300 millóns de euros.

“Desde fai dous anos asistimos coa Xunta como convidada de pedra a unha pelexa polo control do Grupo Itínere e, sobre todo, da súa xoia da coroa, a AP-9, que o pasado ano tivo uns beneficios de 45 millóns de euros grazas a esas peaxes abusivas que subiron un 48% nos últimos anos”, salientou Bará na pregunta á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Para o deputado nacionalista, eses movemento especulativos motivaron o veto do PP á transferencia. “Estamos convencidos de que este proceso especulativo e de venda está detrás do veto do PP á transferencia da AP9, para que nada se movese mentres non se consumaran eses procesos e cambios de titularidade entre fondos voitre como Global Vía ou Corsario”, denunciou.

Uns movementos que terminaron de formalizarse en outubro, nunha operación de venda pola que a ABANCA se desfixo da súa participación na AP-9 por  300 millóns de euros, “sen que a Xunta movese un dedo e permitindo que os fondos voitre se apropiasen da parte galega desta infraestrutura clave para Galiza”, salientou.

Bará criticou que o PP entenda a intervención publica como mecanismo “para regalarlle 50.000 millóns de euros para rescatar a banca ou para desmantelar o sistema financeiro galego, ou para rectificar o resultado xudicial como vimos onte coa decisión do Tribunal Supremo”. Mentres, nada fixo o Goberno de Feixóo para evitar que unha entidade rescatada con 9.000 millóns de euros fixera caixa coa AP9 embolsando 300 M€.

“Deixen de defender os intereses de AUDASA e pasen a defender os intereses dos galegos e das galegas, deixen de mirar para outro lado e póñanse do lado de Galiza e defendan os intereses deste país”, concluíu Bará.