Aprobada por unanimidade unha iniciativa do BNG para mellorar a seguranza vial no Camiño Portugués

Luís Bará en Comisión
Luís Bará en Comisión

Luís Bará reclamou ademais  garantir a mobilidade ciclista e peonil entre Tui e Santiago de Compostela

Aprobada por unanimidade unha iniciativa do BNG para mellorar a seguranza vial no Camiño Portugués

A proposta do BNG defendida polo deputado por Pontevedra, Luís Bará para mellorar a seguridade viaria do Camiño Portugués acadou a unanimidade da comisión 2ª de Ordenación do Territorio celebrada hoxe no Parlamento galego.

O acordo contempla o apoio á mesa permanente do Camiño de Santiago portugués, fomentar  a comisión de seguridade viaria do Camiño creada pola subdelegación do goberno priorizando as actuacións para eliminar os puntos conflitivos denominados puntos  negros. Ademais, o acordo aprobado hoxe, por iniciativa do BNG, promoverá, en colaboración con diversas institucións, vías  alternativas nas que o actual trazado do Camiño non garanta a seguridade viaria dos peregrinos a pe e en bicicleta. Bará defendeu incluír no texto  un punto para crear “un plan de mellora ciclista no tramo do Camiño portugués entre Tui e Compostela” finalmente recollido tamén  no  acordo.

O parlamentario do BNG agradeceu o apoio de todas as forzas políticas á iniciativa nacionalista e anunciou que as medidas deben implementarse no “prazo máis breve” posible ante os problemas que está a xerar a inseguridade viaria no Camiño de Santiago que rexistra unha grande afluencia de peregrinos a pe e en bicicleta.

Para o parlamentario, este é un primeiro paso na senda de resolver as deficiencias no Camiño de Santiago e a Xunta ten “competencias en materia do Xacobeo e nomeadamente  nesta ruta”, así como a súa atención e promoción. Neste sentido, as medidas do acordo beneficiarán a todos os usuarios e usuarias do Camiño pero sobre todo incrementará a seguridade viaria que na actualidade presenta  deficiencias e riscos, concluíu.