PARLAMENTO GALEGO

Aprobada a iniciativa do BNG para protexer as mulleres que sofren violencia de xénero a través dos seus fillos e fillas

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón: “temos o imperativo ético de cambiar a lei para protexer e axudar ás mulleres vítimas da máis cruel e retorcida forma de violencia machista”

A proposta do Bloque vai permitir que reciban todo o amparo e as axudas previstas na Lei galega de loita e tratamento integral da violencia de xénero

Aprobada a iniciativa do BNG para protexer as mulleres que sofren violencia de xénero a través dos seus fillos e fillas
BNG logrou o acordo unánime do Parlamento a súa proposta lexislativa para que as mulleres que sofren violencia vicaria, -a que se exerce a través da vida dos seus fillos e fillas-, sexan consideradas vítimas de violencia machista e, por tanto, podan ter acceso á protección, protocolos e a todas as axudas previstas na Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

“O que hoxe me trae a esta tribuna é a forma máis cruenta e máis retorcida de violencia machista: aquela que se exerce contra a vida dos fillos e das fillas coa intención de facer o maior dano posible á muller”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen asumiu en primeira persoa a defensa da proposición de lei que, tras ser tomada en consideración, continúa unha tramitación que debe concluír cunha Lei de loita contra a violencia machista que protexa ás vítimas de violencia vicaria.

“Pode alguén imaxinar o sufrimento dunha muller á quen o seu maltratador decide atacala arrebatándolle para sempre aquilo que lle é máis querido, os seus fillos e fillas? Sinceramente, sinto que o corazón se me para só de imaxinar a dor desas mulleres, e estou segura que todos e todas neste hemiciclo sentimos o abismo que supón verse sometida a unha forma de violencia machista tan devastadora e cruel”, afondou Pontón.

Sen embargo, a Lei non recoñece estes casos como vítimas de violencia de xénero e, por tanto, non teñen a protección integral do estatuto de vítimas de violencia machista. E dicir, a efectos legais, non teñen recoñecida axuda económica, laboral, social, psicolóxica, nin están amparadas polo protocolo de actuación previsto.

Mudar esta situación e corrixir outras deficiencias é a pretensión da proposición de lei do BNG, en consonancia cos informes e coa xurisprudencia dos tribunais que, en aplicación do Convenio de Istambul en perspectiva de xénero, recoñecen a violencia vicaria como unha manifestación de violencia de xénero. Tamén está en liña con recollido no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ao que se suma unha abundancia de estudos que demostran que a finalidade de tales actos é causar o maior sufrimento posible psicolóxico e na saúde da muller.

“Polo tanto, é de todo punto incomprensible, e mesmo diría que é eticamente intolerable, que por riba se lles prive do mecanismo de protección integral que supón o estatuto de vítimas de violencia machista”, argumentou Pontón, quen considera “un imperativo ético e moral protexer ás vítimas de violencia vicaria” modificando a actual lexislación e aplicar a nova con efecto retroactivo, punto clave da proposta do Bloque.

“Por iso, pídolles que, máis aló das nosas diferencias políticas, apoien a proposición de lei do BNG, que espero que pronto sexa a proposición de Lei de toda a Cámara, para darlle ás mulleres vítimas da máis devastadora e retorcida da violencias machistas a resposta que nos piden”, demandou.

A líder nacionalista agradeceu o apoio manifestado tanto polo PP como polo PSOE, desde unha actitude “construtiva” que considera “reconforta ás vítimas dentro da súa dor deixando claro que este Parlamento está disposto a tenderlles a man”, para darlles axuda en todos os ámbitos: psicolóxico, económico-laboral, xurídico e social.

Medidas concretas que se demandan

Son as propias vítimas as que, desde a dramática experiencia vivida, marcan o camiño das medidas a adoptar, máis aló da modificación lexislativa e da súa aplicación retroactiva. Medidas que a portavoz nacional sintetizou en cinco grandes asuntos.

Protocolos de actuación ante un caso de violencia vicaria que contemple cuestións tan básicas como a de comunicar os propios feitos á vítima, asistencia sanitaria ou asistencia psicolóxica. Hoxe carecen de aportacións económicas para terapias que son custosas e longas.

Axudas específicas no caso de non poder traballar porque a reinserción laboral é complicada e, neste sentido, crear bolsas de traballo específicas pode ser unha alternativa. Tamén hai que corrixir a carencia de axudas para vivenda nin cando se ven obrigadas a cambiar de residencia, situación que é maioritaria.

Igualmente, son precisas medidas para afrontar as cargas económicas derivadas da traxedia, como gastos de xestións, de seguros, avogados, recursos, trámites administrativos, e xurídicos. E todo agravado pola falta de ingresos na maioría de casos.

E finalmente, as propias afectadas solicitan un protocolo para os medios de comunicación, que facilite a cobertura dos feitos pero preservando a intimidade e privacidade das vítimas,  evitando o sensacionalismo, a sobreexposición e a presión mediática non buscada nin desexada.

“Son as familias e as amizades as que están suplindo a ausencia da Administración pública e iso non é tolerable nunha sociedade xusta que debe protexer aos máis vulnerables”, concluíu Pontón, tras destacar que hoxe o Parlamento deu un paso adiante na loita contra a violencia machista e na defensa das mulleres.

 

Aprobada a iniciativa do BNG para protexer as mulleres que sofren violencia de xénero a través dos seus fillos e fillas