parlamento galego

Aprobada unha iniciativa do BNG para dotar de máis recursos á hospitalización a domicilio e ampliar a cobertura do servizo

Iria Carreira
Iria Carreira
O código postal non pode condicionar os servizos que presta o Sergas e o de HADO é hoxe un privilexio duns poucos”, advirte a deputada Iria Carreira

O BNG, a través da súa deputada Iria Carreira, defendeu este xoves na Comisión de Sanidade unha iniciativa para reclamar á Xunta do PP que dote de máis recursos materiais e “especialmente de medios humanos” o servizo de Hospitalización da Domicilio (HADO), coa fin de ampliar a súa cobertura e que deixe de ser un “privilexio” que vén determinado polo lugar de residencia. “O código postal non pode condicionar os servizos que presta o Sergas, e o de HADO é hoxe un privilexio duns poucos”, advertiu.

Na defensa da súa iniciativa, unha proposición non de lei que foi aprobada por unanimidade, a deputada nacionalista subliñou que a valoración da hospitalización a domicilio é xeralmente moi positiva por parte dos pacientes que a reciben e a súa familia, máis lamentou que este servizo non chegue a unha boa parte do territorio do País. Vivir lonxe do centro sanitario de referencia supón, explicou, que moitos pacientes non poidan acceder á hospitalización a domicilio, que xa presenta unha serie de “limitacións inherentes” como a falta dun coidador principal no caso daqueles pacientes que vivan sos ou acompañados de alguén que non lle pida prestar a axuda necesaria.

Carreira subliñou, neste sentido, que precisamente a hospitalización convencional soe ser máis dificultosa para os pacientes que viven nos concellos máis afastados, pois implica que as súas acompañantes invistan máis horas en desprazamentos ao centro hospitalario.  

“Estando a novembro de 2023, Abadín, Cospeito, Friol, Meira, Xinzo, Melide, Toques, Arzúa ou Boimorto, por exemplo, non contan con hospitalización a domicilio”, asegurou en alusión a concellos nos que “o que prima non é a súa densidade de poboación, senón a distancia á que se sitúan do centro hospitalario de referencia”.

A falta de cobertura de HADO é unha mostra máis das “iniquidades” do sistema sanitario, segundo dixo Iria Carreira, quen destacou as “claras vantaxes” deste servizo “pois permitir que as pacientes permanezan no seu domicilio humaniza a asistencia e permite unha mellor autonomía e calidade de vida, así como menos molestias e trastornos no ámbito familiar”.

Destacou, ademais, que se ben tanto HADO como Atención Primaria teñen que ter capacidade para atender a aqueles pacientes que precisen coidados paliativos “a existencia dun dos dous non supón que o outro non sexa necesario”. “Máis ben ao contrario, tendo en conta a situación de Atención Primaria, HADO podería axudar a suplir as súas carencias”, considerou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG