parlamento galego

Apoio unánime do Parlamento para cubrir os déficits de persoal en Oncoloxía Pediátrica do CHUS, como pediu o BNG

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira reclamou máis persoal médico, a estabilidade do cadro de traballadores e un plan formativo para a súa especialización  

Advertiu das consecuencias para pacientes e familias, que xa denunciaron carencias como falla de cuartos de illamento nunha unidade de referencia  

O BNG acadou hoxe o acordo unánime das forzas parlamentarias para reclamar á Consellería de Sanidade a dotación do persoal necesario que garanta unha asistencia de calidade na Unidade de de Oncoloxía Pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), centro de referencia para casos graves de cancro infantil a nivel galego.

Ése foi un dos puntos incluído no acordo apoiado polas tres forzas e negociado tras debaterse dúas proposicións non de lei, acumuladas, de BNG e PSdeG. O acordo inclúe en primeiro lugar recoñecer o labor dos profesionais de oncoloxía pediátrica de Galiza “reforzando a súa estrutura en rede e a capacidade organizativa dentro do conxunto do funcionamento dos centros, contribuíndo así á mellora dun funcionamento integral, homoxéneo e coordinado” da Unidade de Oncoloxía Pediátrica de Galiza”.

En consonancia co solicitado polo BNG na proposta defendida pola deputada Iria Carreira, o acordo tamén recolle instar á Xunta a cubrir coa máxima axilidade as vacantes que se poidan xerar por xubilación ou traslados a través de contratacións co máximo nivel de estabilidade posible.

Un terceiro punto, tamén de acordo ao reclamado polo Bloque, é o de reclamar unha mellor dotación de recursos materiais e humanos do equipo de Oncoloxía Pediátrica de Santiago para fortalecer o seu funcionamento e a súa capacidade asistencial poñendo especial interese en facilitar a formación continua para a súa especialización.       

Iria Carreira levou a debate na Comisión 2ª os déficits que sofre o cadro de persoal da unidade do CHUS, que veñen sumarse a outras carencias materiais denunciadas xa na pasada lexislatura polas familias das crianzas ingresadas. Faltan prazas por cubrir, sobre todo, de oncoloxía e enfermería. “En xullo eran só dúas pediatras en lugar das cinco ou seis facultativas habituais”, explicou, advertindo tamén das eivas en enfermería logo da xubilación de varias traballadoras veteranas.

Denunciou ademais a pouca estabilización do cadro de persoal. “Os descubertos que quedan se cobren parcheando, con contratos duns cantos días, e algunha das pediatras acumula varios anos con contratos dun mes de duración”, expuxo a deputada do BNG na defensa da súa iniciativa.

“Isto trae consigo, por unha parte, a sobrecarga do persoal que continúa traballando, pero tamén consecuencias para pacientes e familias”, alegou, incidindo en que a rotación do persoal e a pouca estabilización “implica que a atención que se proporciona non sexa tan especializada e axustada ás necesidades dos pacientes como se require” nun área moi específica e cuns requirimentos moi detallados.

Persoal autodidacta

Ademais demandar máis persoal e a súa estabilidade, a proposición non de lei do BNG reclamaba á Xunta máis formación pois, segundo expuxo Iria Carreira, “non existe a día de hoxe ningún plan de especialización en oncoloxía pediátrica para o persoal” que, dixo, é practicamente “autodidacta”. A ausencia dun plan formativo provoca “inequidade entre os traballadores en activo”, pois a formación faise en función da súa vontade, da súa capacidade económica e tamén da súa  situación persoal. Pero ademais fai que “cando chegan novas traballadoras á unidade non estean ben protocolizados os procedementos”, alegou.

Ás eivas no tocante a persoal súmanse a outras carencias materiais denunciadas hai anos e que seguen sen solución. Iria Carreira aproveitou, neste sentido, para lembrar que continúan existindo só catro cuartos de illamento, pese a que despois da pandemia da covid quedase máis en evidencia a necesidade destas instalacións.

“A persistencia destes déficits a pesar dos anos de denuncias sen que se teña producido ningún movemento por parte do Sergas pode traducirse como falta de vontade real pola súa solución”, lamentou a deputada nacionalista, subliñando o recoñecemento ao traballo dos profesionais como piares dunha unidade que é referente.

Vontade de consenso pero, sobre todo, de mellorar as cousas

Por iso advertiu de que o BNG estará vixiante para que a Consellería de Sanidade cumpra o acordado na Comisión 2ª . “O Bloque ten vontade de consenso, pero sobre todo de mellorar as cousas; e de nada serve o voto a favor do PP á nosa iniciativa se despois non se cumpre co acordado”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG