xerais 2023

Ana Pontón: “O traballo de Néstor Rego no Congreso logrou máis para Galiza que os 23 deputados das demais forzas políticas”

Candidatura A Coruña
Candidatura A Coruña

“Pido aos galegos e ás galegas que voten co corazón e pensando en clave de País para conseguir un grupo galego forte en Madrid”, declarou

O cabeza de lista por A Coruña, indicou que “non houbo asunto do interese de Galiza que o BNG non levase ao Congreso”

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu hoxe á presentación das candidaturas do BNG para o Congreso dos Deputados e o Senado pola provincia de A Coruña. No acto estivo acompañada polo número un na candidatura do BNG ao Congreso, Néstor Rego; pola número dous da mesma candidatura, Rosana Pérez; e polo portavoz municipal, Francisco Jorquera, entre outros.

“Este 23 de xullo está en xogo que A Coruña e que Galiza conten ante o Estado, está en xogo ter unha voz propia que defenda os intereses desta provincia, e está en xogo que se poña sobre a mesa o que precisa A Coruña para ter un futuro mellor” declarou a líder nacionalista.

Para conseguilo, Pontón declarou que “a alternativa ao de sempre é o BNG: unha garantía para que Galiza conte, de avanzar en dereitos e liberdades”. “Nestas eleccións, unha vez máis, saímos  a por todas, sen poñernos límites e cun obxectivo moi claro: conseguir un grupo galego forte no Congreso, coas mans libres para dar a cara por este País e pola súa xente” indicou.

A portavoz nacional lembrou que “fronte ás forzas políticas centralistas do Estado, o Bloque presenta para este 23X unha candidatura de País que non ten os seus centros de decisión en Madrid e que representa a Galiza”. “Non imos aceptar o que nos impoñan dende Madrid. Somos a candidatura galega nestas eleccións, a candidatura que representa a Galiza e os intereses da nosa sociedade”, engadiu.

Pontón manifestou que o BNG conta para este 23X “cunha candidatura formada por persoas con compromiso, con capacidade de traballo, con experiencia, con coñecemento e solvencia nos temas que son centrais para a defensa dos intereses galegos”.

Néstor Rego, cabeza de lista ao Congreso por A Coruña

“En A Coruña Néstor Rego é a persoa que encabeza unha candidatura sólida, comprometida e capaz, con enerxía e cunha única lealdade: a da defensa dos intereses da cidadanía da Coruña, como xa demostrou ao longo destes catro anos facendo un traballo extraordinario desde o Congreso” resaltou Pontón.

Poñendo o foco no traballo levado a cabo por Rego en Madrid, a portavoz nacional lembrou “a rebaixa histórica nas peaxes da AP-9 ou inicio das obras de dragado na Ría do Burgo, ademais de darlle voz a todas as cuestións importante para Galiza que son competencia do goberno do Estado”.

“Isto demostra até que punto Néstor Rego como deputado foi máis útil para Galiza que os 23 restantes das outras forzas estatais, que non lle aportaron absolutamente nada a este País”, engadiu, indicando que “máis BNG en Madrid é sinónimo de facer valer Galiza ante o Estado”.

Con máis BNG o pobo galego sairá gañando

Pola súa parte Néstor Rego, cabeza de lista na candidatura do BNG na Coruña afirmou que “este é o momento de Galiza, é o momento de facérmonos valer, de termos máis capacidade para incidir nas políticas do Estado en beneficio dos intereses do pobo galego, para mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas. E iso só podemos facelo por medio dunha forza que ten as mans libres, unha forza soberana, como é o BNG”.

Así mesmo o deputado afirmou que “hai tres anos e medio comprometémonos a tres cousas, a ser a voz de Galiza en Madrid, a impulsar políticas sociais avanzadas e a servir de freo a dereita e á extrema dereita, e cumprimos. Non houbo asunto que interesase ao pobo galego que o BNG non levase ao Congreso. Fomos capaces de cerrar o paso á dereita na investidura evitando que se repetisen as eleccións máis tamén sen dar un cheque en branco a ninguén, senón a cambio dun acordo de investidura que desbloqueou a Axenda Galega e defendemos a recuperación de dereitos en diferentes ámbitos”.

Aínda que é certo os partidos do Goberno incumpriron parte dos seus compromisos, finaliza Néstor Rego, “o BNG co aval do traballo realizado, reclama máis forza en Madrid para lograr a capacidade permanente de incidir na toma de decisións en beneficio da Galiza e para iso precisamos un Grupo Galego forte en Madrid, na medida en que o BNG teña unha capacidade reforzada no Congreso, o pobo galego sairá gañando”.

O 23X: o momento dunha Galiza que conte

Pontón convocou á cidadanía galega a que o 23X acuda ás urnas “coa cabeza e co corazón en Galiza, sumando todo o voto galego, de país, no BNG”. A líder do Bloque urxiu a necesidade de “acabar de vez co servilismo a Madrid e co cinismo dos partidos estatais, que votan unha cousa no Parlamento Galego e a contraria no Congreso”.

Destacou tamén que “o Bloque sae a por todas, coas pilas cargadas e co ánimo que nos dá ver que, en cada proceso electoral, o BNG é a forza política referente para a xente que quere unha Galiza mellor”. “Estou convencida de que o 23X, o Bloque terá un resultado que se traduza en máis esperanza e ilusión para os galegos e as galegas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG