Ana Pontón tilda de “ocorrencia carca” o ministerio de familia proposto por Pablo Casado

Acto en Ferrol
Acto en Ferrol

O problema demográfico pasa por darlle futuro en Galiza á mocidade emigrada

Ana Pontón tilda de “ocorrencia carca” o ministerio de familia proposto por Pablo Casado

A portavoz nacional, Ana Pontón, tildou de “ocorrencia carca” a proposta de creación dun Ministerio de Familia como solución ao grave problema demográfico de Galiza, lanzada polo candidato do PP, Pablo Casado, no acto electoral celebrado en Santiago que compartiu co presidente dos populares galegos, Núñez Feixóo.

“Quería responder a ultima ocorrencia coa que nos agasallou o señor Casado en compañía de Feixóo, no seu xantar no rural galego”, ironizou, “nun acto onde veu dicirnos que a solución para o problema demográfico de Galiza é un Ministerio da Familia. Pois non señores do PP, a solución non pasa por unha proposta carca e rancia, do século pasado porque o problema demográfico deste país chámase emigración xuvenil”, replicou Pontón.

Por iso, a mellor política demográfica é “darlle futuro”  á xente moza neste país, con empregos dignos, medidas de conciliación familiar e laboral e de igualdade. Crear as condicións que permitan traer de volta á mocidade emigrada e sacar da precariedade á que optou por quedarse para que podan desenvolver aquí os seus proxectos vitais.

“Nos últimos dez anos emigraron de Galiza máis de 150.000 mozos e mozas baixo o Goberno do PP, e o que precisan a xente nova e ter emprego, futuro e oportunidades neste país”, argumentou Pontón. Por contra, a líder nacionalista ten claro o que non necesita a xuventude galega.

“O que non precisamos é nin máis paracaidistas nin máis turismo electoral usando Galiza como escenario de fondo da súas ocorrencias, como as de Casado, porque o que problema demográfico de Galiza non se soluciona con ese ministerio de Familia que nos recorda tanto a tempos pasados e a políticas fracasadas. O que precisamos é acabar coa emigración xuvenil á que condenan á xente moza os diferentes gobernos do Estado do PP e do PSOE”, recalcou.