Ana Pontón: “Temos o leite de máis calidade do Estado, pero cos prezos máis baixos; hai que poñer fin a esta inxustiza”

Sarria
Sarria

En dez anos desapareceron a metade das explotacións lácteas e, se Feixoo “segue cos brazos cruzados”, un sector clave seguirá perdendo emprego

Pide a Xunta que interveña para evitar que o leite sexa produto reclamo nos supermercados e mobilizar 100.000 hectáreas de terra para o sector

Ana Pontón: “Temos o leite de máis calidade do Estado, pero cos prezos máis baixos; hai que poñer fin a esta inxustiza”

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou unha explotación láctea en Sarria nun momento de caída dos prezos do leite que, ademais, coincide cun incremento dos custes de produción, tanto pola suba da factura da luz como de materias primas e alimentarias básicas, poñendo en risco un sector que é fundamental para a economía e para a preservación do medio rural.

A líder do Bloque identificou tres graves ameazas que para a viabilidade de moitas explotacións: os baixos prezos que a industria está pagando aos gandeiros e gandeiras, o incrementos dos custes de produción e a práctica das cadeas de distribución de vender a perdas utilizando o leito como produto reclamo. “Estas tres ameazas son unha tormenta perfecta que pon en apuros a moitas explotacións lácteas”, indicou.

Ante esta situación, destacou, o Goberno de Feixoo non pode mirar para outro lado senón que debe aportar solucións e, neste sentido, avanzou catro propostas do Bloque en defensa do sector, das que o Executivo do PP debería tomar nota.

Para empezar, convocar á industria e a produtores e produtoras, “sentalos na mesma mesa” e conducir a negociación que permita poñer fin a caída de prezos, “porque non pode ser que teñamos o mellor leite do Estado, pero cos prezos máis baixos, unha inxustiza a que hai que poñer fin”, alegou. Para iso, urxe “transparentar” os prezos do leite e garantir que non van estar por debaixo do que custa producir. “A que espera á Xunta?”, interpelou.

En segundo lugar, o Bloque demanda do Goberno de Feixoo que actúe sobre as cadeas de distribución alimentaria e faga cumprir a lei que impide a práctica de usar o leite como produto reclamo tirando prezos.

Como terceira proposta, o BNG aposta pola mobilización de terras para ampliar a superficie das explotacións agrogandeiras, en concreto fixa como obxectivo mobilizar 100.000 hectáreas de superficie agraria útil de aquí ao 2030, o que tamén permitiría que o sector tivese máis axudas da PAC, pois o factor da extensión da explotación xoga a favor.

Finalmente, a líder nacionalista puxo o foco en mellorar a competitividade das explotacións a través da investigación e da eficiencia enerxética. Non ten sentido que o rural sume 4.500 aeroxeneradores, sen recibir ningún beneficio sobre a factura da luz, indicou, que cada vez é máis cara mentres o lobby eléctrico engorda beneficios.  A tarifa eléctrica galega é unha medida que permitiría abaratar custes nun País rico en electricidade.

Medidas concretas que o Goberno galego debe poñer en marcha a favor do sector, destacou Pontón, tras subliñar que, desde que Feixoo goberna, pecharon a metade das explotacións lácteas: en 2008 había 13.349 explotacións lácteas, hoxe hai  6.768 e 17.400 empregos menos. “Un balance desastroso que irá a peor se Feixóo segue cruzado de brazos, cando debería traballar para reverter esta situación porque temos a obriga de darlle futuro ao rural, pero para iso o Goberno ten que tomar as rendas e deixar de tirar balóns fora”, concluíu.

Visita ao Club Baloncesto Sarria

Pontón completa a súa axenda cunha visita ao Club de Baloncesto Sarria, onde ela mesma xogou como pivot, o que lle permitirá intercambiar opinións coas actuais xogadoras. “O deporte de base é moi importante, e hai que animar nesa dirección, porque o deporte é unha vía de desenvolvemento persoal pero tamén para avanzar na igualdade das mulleres”, indicou.

Preguntada polo feito de que o seu primeiro acto tras a asemblea nacional sexa en Sarria, a súa vila natal, Pontón indicou que debe ser “unha desas causalidades do destino que sexa aquí e que sexa no rural, eu tamén medrei nunha explotación gandeira, sei o cariño e o esforzo que hai detrás de cada explotación e, desde logo, estou moi orgullosa das miñas raíces”, confesou.

Ana Pontón: “Temos o leite de máis calidade do Estado, pero cos prezos máis baixos; hai que poñer fin a esta inxustiza”