parlamento galego

Ana Pontón reprocha a Rueda a repetición das promesas enlatadas e receitas fracasadas de sempre e a falta dun proxecto de País

Resume como o “día da marmota” o discurso de investidura do candidato á Presidencia e acusa ao PP de levar 15 anos sendo un “límite” para Galiza

“Onde están os proxectos estratéxicos que precisa o País?”, cuestiona

Avanza que na súa intervención demostrará a alternativa sólida que ten o BNG para afrontar os retos de futuro e mellorar a vida das persoas

A portavoz nacional, Ana Pontón, resumiu o discurso de investidura do candidato do PP á Presidencia da Xunta como “o día da marmota” dada a repetición das “mesmas promesas enlatadas” e as “mesmas receitas fracasadas” de sempre nunha intervención que “podería ser a de hai dous, catro ou oito anos, sen ningún proxecto de País e ningunha idea nova que ofrecerlle á cidadanía”.

Pontón considerou o discurso de Alfonso Rueda “tremendamente decepcionante e preocupante” ao carecer de proxecto estratéxico de País, visión de futuro e novas ideas para poder enfrontar un contexto no que “as cousas están cambiando dunha maneira acelerada en todo o noso contorno” e é preciso un Goberno que pense como Galiza colle o tren do futuro e da modernización. 

“Onde están os grandes proxectos estratéxicos que necesita Galiza, as grandes apostas de País?”, cuestionou para criticar a “sucesión de propostas, moitas delas repetidas” enumeradas polo candidato do PP que evidencian a “falta de impulso e ambición de País”. “Repetir as mesmas receitas fracasadas de sempre”, advertiu, só leva a que Galiza “siga tendo máis problemas” e non se mellore a vida das persoas.

Fronte a un discurso “desconectado da maioría social”, a líder nacionalista afeou a Rueda que confunda a realidade “coa visión idílica que constrúe a TVG para maior gloria do propio PP”. “Na Galiza do señor Rueda non hai listas de espera en Atención Primaria, nin nenos e nenas sen pediatra, nin miles de persoas que están reclamando poder seguir vivindo do seu traballo ou agardando por unha praza nunha residencia pública, nin tampouco hai miles de mozos e mozas que teñen que coller as maletas ante a falta de oportunidades”, exemplificou.

Diante esta realidade, o PP vén dicir que “todo se soluciona cunha ventanilla única ou facendo en catro anos o que non foron capaces de construír en quince”, criticou Pontón, quen só dixo coincidir co candidato Rueda en que “cando confiamos en nós mesmos e non nos poñemos límites, os galegos e as galegas somos imparables”.

“O problema é que o Partido Popular leva 15 anos sendo un límite para Galiza”, afirmou para afondar en como o PP limita a capacidade para xerar máis benestar “cos seus recortes e privatizacións na sanidade pública”, á hora de garantir o dereito a unha vellez tranquila cando “converte ese dereito nun negocio para que algúns fondos voitre se poidan lucrar” ou cando, “na vez de promover un desenvolvemento sustentable, decide traballar para as eléctricas e para unha presa de multinacionais que se levan os beneficios deste País e só deixan os problemas”.

En definitiva, nun momento no que Galiza necesitaba “un Goberno que estivera á altura dos retos que temos por diante no século XXI”, a portavoz nacional reprochou ao candidato Rueda un discurso co que demostra que é un límite no desenvolvemento do País e que non ten un proxecto ambicioso e de futuro dende a confianza no que son os galegos e as galegas.

Por iso, avanzou que na súa intervención na segunda parte do debate de investidura mostrará que o Bloque ten “unha alternativa para poñer en marcha unha Galiza mellor” cun proxecto para mellorar a vida das persoas e con ambición para posicionar ao País nos grandes debates que hai por diante.

“Imos demostrar que hai unha alternativa sólida que representa o BNG, unha alternativa de futuro que se basea precisamente na confianza e en entender que este País non ten límites e que ten que ser capaz de situarse nun novo paradigma se realmente queremos afrontar os grandes desafíos que temos por diante”, afondou.

A preguntas dos xornalistas, a líder nacionalista cuestionou a suposta oferta de pacto enerxético feita polo candidato do PP, pois na práctica suporía “bendicir” a política de “espolio” levada a cabo polo PP nos últimos anos, con medidas que ademais xa están recollidas na Lei de Acompañamento dos Presupostos que, lembrou, foi aprobada unilateralmente polo PP “sen ningún tipo de diálogo nin coa oposición, nin coa sociedade nin co tecido económico”. 

“Non hai ningunha oferta de pacto -precisou- porque o que nos ofrece o candidato do PP é apoiar a política de espolio eólico do noso País, unha política para que as grandes empresas dese sector, como Iberdrola, Naturgy ou Greenalia -onde por certo senta unha exconselleira do PP- sigan lucrándose en base á riqueza eléctrica deste País sen que quede ningún beneficio para Galiza”.

A líder do BNG deixou así claro que o BNG non vai aceptar a “rendición” que pide o PP pero si vai ter sempre “a man tendida” para camiñar cara un modelo que “poña a enerxía ao servizo do País, sexa respectuoso co medio e no pase por riba da xente do rural nin da pesca, á que queren arruinar poñendo enriba dos seus caladoiros parques eólicos para que Iberdola siga gañando”. 

Tamén en resposta aos medios polos cambios na estrutura de goberno anunciados polo candidato do PP, Pontón indicou que o que fai Rueda é “intentar suplir a falta de proxecto de País con cambios cosméticos”. “É un intercambio de cromos entre consellerías que o único que demostra é a incapacidade para enfrontar un momento tan importante, no que Galiza necesita un goberno á altura dos galegos e das galegas, un goberno que pense e impulse as grandes transformacións que precisa o País e non a rutina e o día da marmota, que é no que se resume este debate de investidura”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG