XERAIS 2019

Ana Pontón replica ao PP que menos ministerio de familia e máis políticas contra a sangría da emigración

Acto Carballo
Acto Carballo

Apela a votar con “esperanza” fronte ao discurso do medo do PP, “parecen os camiñantes brancos”, ironiza. O BNG está en remontada e será decisivo nun Congreso sen maioría absoluta, asegura

Acabar coa estafa da AP-9, tarifa eléctrica galega, 188 millóns de euros para dependencia e orzamentos do Estado xustos con Galiza, entre as prioridades

Ana Pontón replica ao PP que menos ministerio de familia e máis políticas contra a sangría da emigración

A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou o mitin de Carballo expresando o seu “orgullo” polo traballo feito polo goberno local que lidera Evencio Ferreiro,  para asegurar que esa transformación en positivo tamén se vai notar nas urnas a favor do BNG o 28 de abril.

Convencida da remontada, salientou que é posible facer política doutra maneira collendo a papeleta dunha forza propia “capaz de facer que Galiza sexa decisiva na política do Estado nun Congreso sen maiorías absolutas no que os deputados e deputadas do Bloque demostrarán que era posible conseguir darlle a volta ao vetos das forzas estatais que nós discriminan”.

“Cun BNG decisivo en Madrid imos tirar abaixo moitos muros: O muro da estafa da AP9, demostrando que é posible conseguir a transferencia, o muro que nos impide ter unha tarifa eléctrica galega e un marco enerxético estable para garantir centos de empregos en empresas como ALCOA, o muro da débeda de 188 M€ que o Estado ten coas persoas dependentes, o muro da discriminación dos recortazos nos investimentos do Estado, 442 M€ co PP e 750 co PSOE apoiado por En Marea-Podemos”, enumerou.

Acto CarballoPontón destacou a “corrente de simpatía” a favor do Bloque de moitos galegos e galegas “decepcionados e desencantados” coa discriminación das forzas estatais, “das vellas e das menos vellas, da dereita e das que se declaran de esquerda”. Neste sentido, tirou de ironía e, remedando a Feixóo, pediu “deixarse de franquicias, como as que el representa, e apostar por unha forza que ten a cabeza e o corazón neste país, votando polo BNG”.

Franquicias que reciben a visita dos xefes de Madrid, como a de Pablo Casado, “a dicirnos que a solución para o problema demográfico de Galiza é un Ministerio da Familia. A solución non pasa por unha proposta carca e rancia, fracasada e máis propia do século pasado, senón por frear a sangría da emigración e crear as condicións para que retornen os 150.000 mozos e moza que colleron as maletas nos dez anos de Goberno do PP”.

A nacionalista replicoulle ao PP que a mellor política demográfica é “darlle futuro”  á xente moza neste país, con empregos dignos, medidas de conciliación familiar e laboral e de igualdade. Crear as condicións que permitan traer de volta á mocidade emigrada e sacar da precariedade á que optou por quedarse para que podan desenvolver aquí os seus proxectos vitais e formar unha familia. “O que precisa a xente nova e ter emprego, futuro e oportunidades neste país”, argumentou Pontón.

Xogo de tronos

A líder nacionalista tamén criticou o “discurso do medo que tanto lle gusta a esta dereita tirada ao monte”, como volveu demostrar no acto en Santiago. “Seguro que coñecedes Xogo de Tronos, -esta madrugada foi a estrea mundial da ultima temporada-, e o PP fixo un vídeo da serie na que se esqueceu de falar deles mesmos! E sabedes que personaxes son: Os camiñantes brancos, con ese empeñado en espallar o terror alí por onde pasan”, ironizou.

Por contra, -dixo-, o 28A os galegos e as galegas “imos votar desde a ilusión, desde a esperanza, desde a confianza en nós mesmas, imos votar optando pola papeleta do BNG como garantía de defensa de Galiza e como garantía da defensa dos dereitos e das liberdades”. “Porque este país precisa recuperar voz propia no Congreso e imos ser decisivos na política do Estado e ímolo conseguir da man dun BNG en remontada, con deputados e deputadas sen ataduras, sen subordinacións a ninguén. Defender Galiza, os nosos dereitos e liberdades, ese é o noso compromiso”, concluíu.